DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Instaláronse bancos e mesas para promover un maior aproveitamento dos espazos ao aire libre

O campus renova o seu exterior con mobiliario de madeira

A actuación completarase coa colocación dunha marquesiña 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 09/10/2020

Co propósito de promover un maior aproveitamento das súas zonas verdes e tamén dos espazos ao aire libre, a Vicerreitoría incorporou nos últimos meses novo mobiliario exterior ao campus pontevedrés. Concretamente, ao longo dos meses de verán realizouse a instalación de 24 bancos de madeira e de tres mesas que rodean senllas arbores, tamén de madeira. Estas actuacións veranse complementadas nas próximas semanas coa instalación dunha marquesiña, nas proximidades da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, para dar servicio ao estudantado que cada día colle o autobús para asistir ás clases.

Segundo explica o vicerreitor do campus, Jorge Soto, esta serie de actuacións “acometéronse co obxectivo inicial de promover un maior aproveitamento das zonas verdes e espazos comúns entre as diferentes facultades, así como de xerar unha maior vida conxunta no campus, non so durante a actividades académicas senón tamén no tempo de lecer e descanso dos estudantes”. Non obstante, a situación sanitaria xerada pola covid-19 fai que este mobiliario exterior poida tamén, sinala, “resultar de utilidade para fomentar que as e os membros da comunidade universitaria permanezan só o tempo necesario no interior das aulas e dos centros e fagan un maior uso do espazos ao aire libre”. Non obstante, desde a Vicerreitoría fan tamén un chamamento “á necesidade de que, ao igual que nas aulas ou nos laboratorios, as e os integrantes da comunidade universitaria fagan uso destes espazos seguindo as recomendacións sanitarias e mantendo a distancia de seguridade interpersoal”. 

Estas actuacións veranse complementadas pola instalación da marquesiña do autobús, “un vello reclamo dos estudantes, que consideramos vai ser moi utilizada” e que á súa vez permitirá “liberar o acceso á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”, por ser este o “lugar de refuxio” do alumnado que agarda o autobús.

Renovación do parque da Escola Infantil

Outra das actuacións acometidas desde a Vicerreitoría nos últimos meses foi a instalación dun novo parque infantil de madeira na Escola Infantil do campus, que, no marco do “compromiso” cun centro ao que acoden, entre outros, os fillos e fillas dos integrantes da comunidade universitaria, “permitirá aos cativos desenvolver a súa motricidade ao aire libre”.