DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Prevé reunir 275 persoas o 21 e 22 de setembro en CCSS e da Comunicación

O campus será de novo sede da única WordCamp de Galicia

Trátase dun evento centrado no sistema co que se xestionan unha de cada tres webs

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/06/2019

Por segundo ano consecutivo, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación será a sede da única WordCamp de Galicia, un evento centrado no sistema de código libre co que se xestionan un terzo das páxinas web de todo o mundo, WordPress. Organizado por voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional WordPress Foundation, así como da Vicerreitoría, no marco do Campus Crea, e da propia facultade, prevese que a segunda edición desta WordCamp Pontevedra reúna, os días 21 e 22 de setembro, 275 asistentes chegados desde diferentes puntos de España.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, o decano de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde, e o presidente da comunidade WordPress Pontevedra, Juan Hernando, presentaron este xoves na sede da Vicerreitoría a segunda edición dun evento, “que o ano pasado foi un éxito”, como lembrou Soto. Preto de 200 persoas, das que o 96% cualificaron o evento como excelente ou moi bo, participaron en 2018 na que foi a primeira WordCamp de Galicia. Este éxito  levou aos organizadores a ampliar a 275 as entradas que neste 2019 se poñen á venda, a un prezo de 25 euros, para asistir a un “evento sen ánimo de lucro”, como explicou Hernando, no que o recadado se destina a sufragar os gastos do propio evento. No caso da comunidade universitaria, esa cota de inscrición será de 10 euros, reservándose, no marco da colaboración coa institución académica, un 20% das entradas para o persoal e alumnado da Universidade de Vigo.

Temáticas para todos os públicos

A segunda edición da WordCamp abrirase o sábado 21 de setembro con 28 conferencias e charlas rápidas nas que se abordarán múltiples aspectos vinculados con este xestor de contidos web. As WordCamp, lembrou Hernando, non están dirixidas a expertos na creación de contidos web, xa que nas diferentes actividades que integran o seu programa, “que iremos pechamos nas próximas semanas, vaise falar de márketing, contidos, posicionamento en buscadores, accesibilidade, seguridade, comercio electrónico...”, combinando as actividades para persoas sen coñecementos previos como aquelas outras dirixidas a un público experto. "Cremos que é un evento do que a comunidade universitaria vai poder sacar moitas cousas para a súa futura vida profesional”, engadiu o representante da organización.

De aí que Soto puxese o foco nesta presentación na importancia que para a Universidade ten a colaboración cun evento “que non se vincula só ao que son páxinas web, senón que entran outro tipo de asuntos que para nós son tamén estratéxicos”. Nesa mesma liña, Baamonde salientou que “o evento encaixa perfectamente coa filosofía do Campus Crea”, así como coa propia Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que se imparte o máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, "e que é xa un referente” neste eido. “Parécenos unha oportunidade para o alumnado da facultade e do campus, e tamén para a cidade”, engadiu o decano, que incidiu nese senso nas posibilidades que este xestor de contidos, que conta cunha ampla comunidade de desenvolvedores, ofrece en ámbitos como o emprendemento. 

Nese senso, a WordCamp verase tamén precedida, o venres 21, pola organización de actividades previas como os coloquios que se insiren no programa do Pont-Up Store, o encontro dedicado ao emprendemento que á Universidade promove nesas datas, no marco do Campus Crea. Xa o sábado 22, a WordCamp arrincará co desenvolvemento de dous bloques de conferencias e charlas rápidas, nas que “se abordarán todas as temáticas posibles para que tanto novatos como expertos aprendan e se divirtan”. O domingo 23 completarase coa celebración do Día do contribuídor, no que as e os participantes aprenderán a colaborar co propio proxecto de WordPress en labores de tradución, soporte, deseño, márketing ou desenvolvemento.