DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poden depositarse no edificio Exeria ata o vindeiro martes día 14

O campus súmase á campaña solidaria ‘Cada neno, un xoguete’

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 09/12/2021

Por noveno ano consecutivo e coa chegada do Nadal, a Universidade de Vigo súmase á campaña Cada neno, un xoguete, un proxecto ideado pola Asociación STOP que anima á poboación viguesa a doar xoguetes para que as rapazas e rapaces en circunstancias económicas complicadas non queden sen agasallos nestas datas. Ata o martes 14 de decembro, todas as persoas interesadas poden depositar as súas doazóns na planta -1 do edificio Exeria, xunto a máquinas vending, único punto de recollida no campus, ou no punto central de recollida, Alcabre-Camino Veiguiña 32, de luns a venres de 11.00 a 19.00 horas.

Os xoguetes que se entreguen deberán estar limpos, en bo estado, completos e sen envolver. Unha vez nas instalacións habilitadas para o seu almacenamento, serán procesados, desinfectados, contadas as súas pezas e envoltos para regalo, de xeito que o neno ou nena que os reciba non sexa quen de darse conta de se o agasallo é reciclado. 

40.000 xoguetes doados nunha década

Esta iniciativa, que chega neste 2021 á súa décimo segunda edición, leva repartidos na última década máis de 40.000 xoguetes en Vigo e no resto de Galicia, dos cales 7000 se entregaron durante o pasado Nadal.

Nesta campaña de 2021, a Asociación STOP xa recolleu máis de 5500 xoguetes e comezaron co reparto ás distintas asociacións que se encargan de entregalos ás familias que os precisan.