Cun coloquio que terá lugar o luns 6 de maio
O campus súmase á celebración dos 50 anos de Benposta Colombia
No marco da súa relación coa Facultade de Educación e Traballo Social
Na rede de relacións da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense está desde hai varios anos Benposta Nación de Muchachos en Colombia, iniciativa nacida do proxecto fundado polo Padre Silva en Ourense. No marco desta cooperación, a facultade acollerá o luns 6 de maio pola tarde un coloquio dedicado á experiencia de Benposta Colombia co gallo da celebración dos seus 50 anos de existencia.
A actividade contará cun panel de participantes diverso. Estarán Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; José Luis Campo Rodicio, presidente de Benposta Colombia; Bartolomé Pidal, alcalde de Benposta nos anos 70 do século pasado; Julia Acinas Sánchez, alumna do Grao de Educación Social da UVigo que realizou as prácticas en Benposta Colombia; Isabel Atance Alonso e Unai Diez Santoalalla, estudantes da Universidad de Comillas que fixeron tamén prácticas no mesmo centro, e ex-cidadáns de Benposta Ourense. O acto, organizado pola facultade co apoio da Asociación Cultural Padre Silva e o Grupo Nortempo, é aberto ás persoas interesadas.
Unha iniciativa pedagóxica e social pioneira
“Nunha época de ausencia de liberdades, Benposta foi un espazo de democracia e de participación cidadá, un modelo educativo alternativo en pleno franquismo”, lembra o decano da Facultade de Educación e Traballo Social. O proxecto, detalla, “sempre foi para nós un referente pedagóxico, unha iniciativa pioneira e moi avanzada para o seu tempo” que aínda que en Ourense se disolveu en 2003, si tivo continuidade en países a onde se expandiu a partir dos anos 70 do século pasado. Entre eses países onde sobreviviu, Xosé Manuel Cid sinala que a de Colombia “é probablemente a experiencia máis próxima á orixinaria”, sendo o seu fundador, José Luis Campo Rodicio, antigo cidadá de Benposta Ourense. “A pesar de que Colombia e Ourense están a moita distancia hai aquí un lazo pedagóxico entrañable que nos une”, apunta o responsable académico.
Desde 1974, Benposta Colombia, indican desde a entidade, acolle a un centenar de nenos colombianos e constitúe unha iniciativa pedagóxica e social que persigue brindarlles a oportunidade de levar unha vida autónoma e completa. O proxecto, indican, foi co tempo adquirindo identidade propia, promovendo o dereito de nenas e nenos a unha vida digna e ao seu recoñecemento como suxeitos sociais, non asistenciais. Ademais, a entidade xoga un papel activo no proceso de paz que vive o país.