DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Benestar, Saúde e Deporte impulsa dúas actividades no marco da iniciativa ExploraCampus

O campus súmase a un programa dirixido a fomentar o deporte ao aire libre

Trátase dunha ruta de sendeirismo e outra en bicicleta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Deportes
DUVI Pontevedra 13/04/2021

Nuns tempos nos que as restricións ás que obriga a pandemia limitaron a habitual programación de actividades deportivas que se desenvolve en instalacións como o Pavillón Universitario, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade puxo en marcha o programa ExploraCampus, unha iniciativa dirixida a fomentar a práctica deportiva ao aire libre. Trala súa posta en marcha no mes de marzo no campus vigués, Pontevedra súmase agora a esta iniciativa con dúas actividades gratuítas e abertas ao conxunto da comunidade universitaria. Trátase por unha banda dunha ruta en bicicleta que partirá do campus para achegarse ata a contorna de Bora e das marismas de Alba e dunha ruta de sendeirismo polo río dos Gafos. 

“Do que se trata fundamentalmente é de levar fóra a actividade, gardando, loxicamente, todas as medidas de seguridade precisas e con grupos reducidos”, salienta o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Gustavo Loureiro dunha iniciativa que se vale así mesmo “da riqueza natural da nosa contorna” e das posibilidades que outorga á hora de organizar actividades como camiñadas ou percorridos en bicicleta. A inscrición nestas dúas actividades, programadas para os días 20 e 29 de abril, poderá realizarse ata dous días antes a través da plataforma CampusActivo. Ambas están abertas a un máximo de seis participantes, aínda que, como explica Loureiro, “no caso de que haxa máis inscritos teremos aberta unha lista de agarda para organizar unha segunda quenda” destas mesmas actividades en días posteriores. De feito, explica, se ambas iniciativas espertan o interese da comunidade universitaria, o obxectivo é que a estas "poidan sumarse outras nas próximas semanas, tamén seguindo esa mesma filosofía”, como xeocaching, orientación ou quedadas para facer running.

Dificultade baixa

A primeira das actividades que se levarán a cabo en Pontevedra no marco deste programa será a ruta cicloturista programada para o vindeiro martes 20. Este percorrido partirá da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para logo trasladarse a Bora e Alba e, como explica Loureiro, a organización proporcionará tanto a bicicleta como un casco ás persoas participantes. Para o xoves 29 programouse unha ruta de sendeirismo polo Gafos, cunha extensión aproximada de 7,5 quilómetros, que partirá neste caso das inmediacións da estación de tren. Trátase en ambos casos, sinala Loureiro, de dúas iniciativas “cunha dificultade baixa” guiadas por monitores e “nas que levarase un ritmo que permitirá a participación de calquera persoa interesada”.