Alumnado de nove centros de Vigo e comarca festexou o 30 aniversario da asociación
O campus vibrou ao son de Ponte…nas ondas!
A estrea do himno composto co gallo do 30 aniversario da asociación, interpretado este mediodía polo alumnado do CEIP Seis do Nadal, foi o punto álxido do maratón radiofónico organizado por Ponte…nas ondas! esta mañá no edificio Miralles do campus de Vigo. Entre as 10:00 e as 14:00 horas alumnado do IES Terra de Turonio de Gondomar, o CEIP de Petelos de Mos, o CEIP Seis do Nadal de Vigo, o CEIP Altamira e o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, o CEP Carlos Casares e o IES de Salvaterra de Miño e o CPI Covaterreña tomou parte nunha emisión radiofónica, que enlazou desde a Costa da Morte ata Lisboa e na que tomaron outros 50 centros educativos máis.
Xunto á estrea do novo himno, obra da compositora Ana Senlle e do músico Pancho Álvarez, a xornada radiofónica completouse coas actuacións musicais de Magín Blanco e Xurxo Antúnez, do grupo Os terribles de Donas e entrevistas a artesáns e artesás e persoas portadoras do patrimonio cultural inmaterial.
Alumnado da Facultade de Comunicación desde o Pazo da Cultura
Pola súa banda, alumnado da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, da man da profesora Concha Gómez, presentou un magazine sobre os 100 anos de historia da radio e encargouse de realizar as entrevistas ás e aos diferentes artistas e grupos que actuaron no maratón que se desenvolveu desde o Pazo da Cultura.