Galardoa as obras máis destacadas polo seu envellecemento e vixencia
O campus vigués, recoñecido co Premio Permanencia do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España
“O campus universitario de Vigo, de Miralles Tagliabue EMBT Architects, achega unha nova paisaxe universitaria ao lugar, enlazando sutilmente cos antigos edificios existentes no ano 2003”. Nestes termos explica o xurado dos premios que outorga o Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España a súa decisión de recoñecer o campus universitario de Vigo co Premio Permanencia, un galardón que recoñece as mellores obras do país, tanto polo seu correcto envellecemento, como pola súa vixencia e actualidade como valores intrínsecos da arquitectura e o urbanismo.
Na gala de entrega dos galardóns, celebrada onte á noite no Teatro Reina Victoria de Madrid, o xurado tamén expuxo que “esta obra se consolida co paso do tempo pola súa integración na paisaxe na ondulada topografía e pola rotundidade na expresión da súa arquitectura. Unha obra que soubo transformar e permanecer no tempo como unha paisaxe construída que transformou o lugar. Unha intervención complexa, valente, innovadora, onde o alumnado segue a gozar de este carácter comunitario da vida universitaria”. A argumentación dos e das expertos sinala ademais que “estas novas construcións que se levantaron no ano 2003 axudaron á definición da natureza comunitaria da vida na universidade, mellorando a calidade de vida dos universitarios ata os nosos días. A estrutura de formigón visto no exterior, combinando a súa textura e cor coas madeiras da fachada configuran ademais ese aire atemporal do ben concibido e executado”.
O xurado valorou preto de 200 propostas seleccionadas por colexios oficiais de arquitectos e consellos autonómicos, dentro dos seus ámbitos territoriais, nunha edición dos galardóns á que se presentaron preto de 500 obras.
Actuacións no campus vigués
A actuación desenvolvida no campus vigués por Miralles e Tagliabue EMBT, que arrancou no ano 1999 coa presentación do proxecto de urbanización e finalizou en 2003, inclúe o edificio e a praza Miralles, o centro comercial, o edificio da piscina, así como as pasarelas que os conectan, e o edificio Ernestina Otero.