DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O cantante hip hop El Meswy presenta "Respeto" no campus

A actuación será ás 20.30 na entrada do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 11/03/2008

As rimas do cantante de hip hop afincado en Brooklyn, El Meswy, encherán este xoves, ás 20.30 horas, a entrada do campus coa actuación na que presentará o seu último disco Respeto. Entre os que grabou en solitario e cos seus grupos, El Club de los Poetas Violentos e Fight Klub, El Meswy conta no mercado con máis de quince traballos discográficos. Encadrado nos diferentes actos que A Intercultural ten programados para este mes de marzo, o concerto contará tamén coa presenza de varios djs, entre os que se atopa o lucense Unknownman MVP AKA.

Rapeiro e productor

José Luis Magro, El Meswy, naceu en Zaragoza pero dende moi pequeno residiu en Alcorcón ou “Hardcorecón” como a el lle gusta chamar á cidade que o veu medrar, facendo un xogo de palabras co estilo predominante nas súas letras rap hardcore. Foi alí onde se converteu nun MC, siglas que proveñen de “mestre de cerimonias” e coas que son coñecidos os rapeiros. Trasladouse a comezos dos 90 a Nova Iorque, onde coñeceu ao resto dos membros do que sería El Club de los Poetas Violentos e co que sacou dous discos antes de debutar en solitario co albume Tesis Doctoral, no que colaboraron destacados nomes como El Chojin, Arianna Puello, Kamikaze, Mr. Rango, Kultama ou Paco King. Despois de instalarse no barrio de Brooklyn, onde reside dende entón, formou o grupo Fight Klub con Jay Larue, race e Shabbaz.
Con máis de 15 discos ás súas costas, El Meswy é ademais productor e propietario de BroncoEstilo, unha marca de hip ho platino líder nos eu sector, e Crudo Music, o seu novo selo dedicado ao hip hop máis duro.