DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Varios colectivos impulsan unha asociación que una o I+D galego

Cara unha fronte común en defensa da investigación en Galicia

Mañá mércores terá lugar unha asemblea informativa no edificio Miralles ás 18.00 horas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/01/2020

Posta en valor do tecido de I+D; establecemento das condicións necesarias para o desenvolvemento dunha carreira investigadora; programas de retención de talento e compromiso das institucións públicas para incrementar a inversión en I+D. Arredor destas demandas diversos colectivos de persoal investigador están tratando de crear “un novo espazo galego unitario en defensa da investigación”. 

A proxecto naceu tras unha mesa redonda no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, CIMUS, da Universidade de Santiago de Compostela,  sobre a realidade da investigación en Galicia. Os colectivos que participaron nesa xuntanza decidiron que era o momento “de pasar á acción de xeito transversal” e para facelo consideran básica a unión “de todos os axentes do I+D galego que sofren as consecuencias das nefastas políticas”. Para artellar as súas demandas apostan pola creación dunha asociación, para o que están a desenvolver asembleas polas universidades e os centros de investigación de Galicia. Mañá mércores a cita será en Vigo, no edificio Miralles a partir das 18.00 horas e nos vindeiros días concretaranse as datas para o resto dos campus.

O futuro de Galicia pasa por unha investigación pública e de calidade

O obxectivo destas xuntanzas é que “cristalicen nun colectivo común pola investigación, na que poidamos dende solucionar colectivamente os problemas máis concretos que ten o todo o persoal relacionado coa investigación, ata reivindicar unidos e con forza que a única Galicia con futuro é aquela que aposta por unha investigación pública e de calidade”, explican dende a tres entidades que impulsan esta iniciativa: Colectivo Posdoutoral de Galicia, Plagtis e Asemblea de Investigadoras de Compostela.

Sosteñen que “a precariedade da carreira investigadora leva sendo unha constante xa dende hai tempo, pero a crise foi especialmente perniciosa e nos últimos anos a situación no canto de ir mellorando parece que vai afondando aínda máis nas súas problemáticas. Non hai máis que ver a baixa inversión por parte da administración en investigación (por debaixo do 1%) e a sensación de que non existe concienciación ao respecto da importancia de deseñar unha carreira investigadora digna por parte dos poderes públicos”, e poñen como exemplo as convocatorias posdoutorais da Xunta. 

Engaden que “as circunstancias extremadamente precarias sucédense a todos os niveis e non parece haber unha mínima concienciación institucional ou política sobre a imperiosa necesidade que supón traballar para o establecemento dunha carreira investigadora que sexa quen de reter o talento local ao tempo que capta o que está interesado en vir de fóra”. É por iso polo que consideran que a futura asociación debe ser transversal e aglutinar a todas as persoas que desempeñan labores de investigación no país, con independencia “do seu perfil laboral e de que o fagan con vinculación contractual ou non”.

A vista posta no novo Plan Galego de Financiamento Universitario

A idea é unir as demandas dos diversos colectivos nun “novo espazo aberto, transversal e unitario” con forza para poder cambiar as cousas coa vista posta na negociación do novo Plan Galego de Financiamento Universitario, que consideran “unha oportunidade para intentar reverter no futuro a negativa evolución da política de investigación”. Así, esta nova asociación terá como meta defender a investigación e a universidade pública “de maneira plural e transversal” e converterse nun “interlocutor forte” ante a Xunta de Galicia e o resto das institucións. “Estamos nunha situación crítica, que precisa dunha apertura de miras e de toda a forza e solidariedade da que poidamos ser capaces”.

A través das xuntanzas que se van desenvolver en todos os campus e centros de investigación, tratarase de ir delimitando unha folla de ruta e establecer as principais demandas e necesidades do colectivo investigador. Neste sentido, remarcan que “só da unión dos distintos axentes que participan na tarefa investigadora por toda Galicia pode saír unha diagnose precisa das súas principais eivas, e unha proposta clara de solucións que camiñen cara á construción dunha carreira investigadora digna”. É por iso polo que animan á participación “do maior número de persoas posible e que proveñan dos sectores investigadores máis variados”, xa que “só así será posible crear unha ferramenta útil para mellorar a situación actual”, conclúen.