DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A reitora protagonizou un almorzo no Círculo de Empresarios de Galicia

Carmen García Mateo invita o sector empresarial a facer súa a UVigo

Na súa intervención debullou o presente e os retos de futuro da institución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Reitora
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 15/10/2026

“Conten coa Universidade de Vigo. Tráiannos retos. Abramos máis espazos de colaboración. Axúdennos a entender mellor o que precisan. E fagan súa esta Universidade”. Con esta invitación ás persoas asistentes remataba a reitora da Universidade de Vigo a súa intervención este xoves no Desayuno en círculo, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, no que  Carmen García Mateo achegou a unha representación do tecido empresarial e social a súa visión da institución, abranguendo desde onde parte e ata onde quere avanzar, “e sobre todo como podemos facelo xuntos”. A presidenta do Círculo, María Borrás, foi a encargada de presentar a García Mateo, que estivo acompañada no almorzo polos vicerreitores de Estratexia, Gobernanza e Economía, Xosé H. Vázquez Vicente; de Oferta Académica, Esther Pillado González; e pola xerenta, Ana María Comesaña Álvarez.

A reitora, que se referiu á UVigo como “unha universidade pública, galega, moderna, excelente, con masa crítica e capacidade acreditada para competir” e da que sentir orgullo polo acadado nos seus 36 anos de existencia, comezou por lembrar algunhas das grandes cifras dunha institución con preto de 20.000 estudantes, que mobilizou en 2025 arredor de 45 millóns de euros entre investigación e transferencia e na que se imparten 54 graos, 11 programas de simultaneidade, 72 mestrados e 41 programas de doutoramento. “Unha das características que nos define é o noso modelo multicampus, tres contornas diferentes e especializacións. Vigo concentra fortalezas arredor do mar, as enxeñarías, industria, tecnoloxías da información e ciencias biomédicas. Ourense ten unha identidade propia arredor da auga e do termalismo, pero tamén da alimentación e o ámbito aeroespacial e Pontevedra está consolidando unha especialización arredor da creatividade, a comunicación, o deseño e o deporte”, detallou a reitora na súa intervención.

Un novo tempo para a UVigo

Tras reivindicar unha Universidade profundamente conectada con Vigo, Ourense, con Pontevedra “e co conxunto da sociedade á que serve”, Carmen García Mateo referiuse ás tres ideas que definen a acción do equipo de goberno que dirixe: que todas as persoas contan; o paso da improvisación á solvencia; e pasar do minifundismo ao proxecto común. “Todo isto esixe unha maneira de exercer o liderado sereno e próximo. Eu creo nun liderado sereno, que non significa nin lento, nin morno: significa escoitar, decidir con criterio e manter o rumbo. Próximo significa estar accesible, coñecer os problemas e construír confianza. É unha forma de traballar que xa estamos trasladando á institución e que quereremos que se note tamén na relación da Universidade coa súa contorna”, dixo a reitora.

Priorizar; reorganizar e simplificar; executar; medir e render contas son os verbos que segundo, Carmen García Mateo, resumen o seu método operativo, “que só ten sentido se nos permite avanzar”. A reitora incidiu na necesidade de planificar para transformar a Universidade e centrouse en tres ámbitos: contar cun horizonte estable que permita unha planificación financeira e de infraestruturas realista; o talento; e unha oferta académica que anticipe novas realidades e observe a evolución da sociedade, a tecnoloxía e o mercado laboral. “Isto implica tamén escoitar o tecido produtivo, non para formar para un posto concreto, senón para detectar novos perfís, competencias e ámbitos de coñecemento”, detallou a reitora. 

Logo de lembrar algúns dos resultados acadados pola institución nos ámbitos da investigación e a transferencia, así como a estrutura de centros propios, interuniversitarios e institutos de investigación e as cátedras coas que conta a institución, asegurou que “a Universidade achega coñecemento e capacidade científica; a empresa, experiencia, mercado e contacto coa realidade. Desa combinación poden nacer proxectos con moito máis impacto”.

Innovación docente: IA con criterio e conexión entre as aulas e a empresa 

A reitora remataba a súa intervención destacando a importancia de como se ensina nas aulas, afirmando que non se pode limitar a unha transmisión de contidos, senón que cómpre crear experiencias de aprendizaxe nas que o alumnado resolva, experimente e debata. “Temos que integrar a IA, pero con criterio e pasar das aulas á empresa e, en xeral, á realidade profesional con prácticas de calidade, retos reais, formación dual e formación ao longo da vida”, enumerou a reitora, que reiterou a importancia das persoas nunha institución viva, conectada co resto do mundo e co territorio propio.

“Unha universidade viva necesita novos liderados; máis mulleres nos espazos de decisión, máis voces e máis responsabilidade compartida”, dixo Carmen García Mateo, que rematou reivindicando o orgullo de ter “unha universidade pública e galega. Queremos que Vigo sinta a Universidade como algo profundamente propio. A UVigo non está ao lado da cidade: forma parte dela. Do mesmo modo queremos que Ourense e Pontevedra sintan os seus campus como unha parte absolutamente esencial da súa identidade e do seu futuro”.