DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Complétanse as obras de ampliación deste circuíto, que conecta coa Illa do Covo

O carril bici percorre xa todo o campus

A iniciativa busca promover unha mobilidade máis sustentable

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 18/01/2019

Tralos traballos de pintado levados a cabo nos últimos días, veñen de concluírse ás obras de ampliación do carril bici do campus, que deste xeito completa o seu percorrido polo interior do campus. As obras acometidas pola Vicerreitoría permitiron sumar ao treito realizado en 2016, que conectaba a rúa Celso Emilio Ferreiro co acceso á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cun novo treito que vai desta facultade á Escola de Enxeñaría Forestal, para logo avanzar cara as Facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia e conectar, na parte traseira desta última, coa senda peonil da Illa do Covo.

Deste xeito, o proxecto, que supuxo un investimento de preto de 50.000 euros por parte da institución académica, permite, como lembra o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, “completar o circuíto do carril bici desde a cidade ata a Illa das Esculturas”, ao conectar, por un lado, coa Illa do Covo, e por outro, co treito realizado en 2016 pola Vicerreitoría ao longo da parcela de entrada ao campus e que enlazaba á súa vez co treito realizado polo Concello para conectar o carril existente en Rosalía do Castro co acceso ao campus. Iniciados en novembro, os traballos de execución desta obra, explica Cancela, “prolongáronse por mor da climatoloxía” e, á falta da recepción final da obra, completáronse nesta semana cos traballos de pintado, despois de que os traballos se paraen a pasada semana “para favorecer o normal desenvolvemento do Campionato de España de Ciclocross”, celebrado na Illa das Esculturas e que tivo na Facultade de Fisioterapia a súa oficina permanente. 

Unha acción inserida no Green Campus

“O carril bici vén a dar continuación ás políticas de mobilidade que se promoven desde o Concello e que nós tamén defendemos, entendemos que a sustentabilidade é tamén unha parte fundamental da política da Universidade”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, respecto duns traballos, que, buscan non só promover o uso dun medio de transporte non contaminante entre a comunidade universitaria senón tamén “que sexa tamén un camiño que achegue á xente de Pontevedra ata o campus”. Trátase así mesmo, dunha actuación contemplada no plan de acción do proxecto Green Campus, como lembra o director deste proxecto, Carlos Souto, que incide en que se trata dunha medida “que encaixa perfectamente dentro da filosofía” deste proxecto, xa que, salienta, “implica promover unha actividade ambientalmente favorable, polo que animamos á xente que a use o carril bici o máis posible e deixen no coche na casa para vir ao campus”, tendo en conta ademais, engade Cancela, “a existencia de aparcabicis nos accesos aos diferentes centros e a falta dun transporte urbano ata o campus”.