DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Deputación de Pontevedra impulsan estas axudas para os campus de Vigo e Pontevedra

A Cátedra Feminismos 4.0 financia cinco proxectos de investigación no eido da cultura e da sociedade dixital en estudos de xénero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI 29/07/2022

A Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo destina 24.772 euros a financiar cinco proxectos de investigación que promoven o I+D no ámbito da cultura e da sociedade dixital en estudos feministas e de xénero. A convocatoria, que se abriu o pasado mes, está destinada a grupos e a persoal investigador doutor dos campus de Vigo e Pontevedra e, finalmente a comisión avaliadora seleccionou estas cinco iniciativas que se centran principalmente nas redes sociais, aínda que tamén abordan outras temáticas como a ciencia climática ou o industria do videoxogo.

A finalidade destas axudas é promover e potenciar a investigación no eido da cultura e da sociedade dixital en estudos feministas e estudos de xénero e tamén reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á I+D no sistema universitario galego. Por este motivo, para a resolución destas axudas valorouse o peso relativo que as mulleres teñen nas propostas presentadas, “de xeito que se potencia o seu número e a calidade do seu traballo”, como se recolle nas bases.

Finalmente, a comisión avaliadora seleccionou coa puntuación máxima de 10 puntos, o proxecto Unha mirada feminista á alborada da ciencia climática: Pescuda, interpretación, valoración e réplica dos experimentos e achegas de Eunice Newton Foote en 1856. Esta iniciativa, liderada por Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, recibirá unha achega de 5884,20€.

Cunha puntuación de 9,3, tamén forma parte deste programa de axudas o proxecto Toxicidade e violencias machistas en Instagram. Incidencia e percepción entre o alumnado da Universidade de Vigo, liderado polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Rolán, que recibirá 5472,42€. 

O xurado tamén seleccionou, cunha valoración de 8,2 puntos, a investigación Identificación automatizada de comentarios sexistas en las redes sociales, mediante técnicas de IA. Taller demostrativo en institutos de secundaria del área de Pontevedra. A proposta de Ana Fernández Vilas, investigadora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, será financiada con 4825,14€. Case coa mesma puntuación, 8,1, foi seleccionado o proxecto As que están e as que marcharon: Mulleres e migracións na industria do videoxogo que poderá ter unha axuda de 4766,30€ da man de Sara María Torres. Finalmente, o estudo Carapuchiña e a pantalla feroz: identidades de xénero nas redes sociais, liderado pola catedrática da Facultade de Filoloxía e Tradución Veljka Ruzicka acadou unha puntuación de 6,5 e recibirá 3824,81€.