DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na iniciativa da FAO, State of Knowledge of Soil Biodiversity, participan máis de 300 investigadores

A catedrática Mª Jesús Iglesias Briones participa no informe internacional máis completo sobre o estado actual da biodiversidade do solo 

O estudo é unha guía útil para apoiar a implementación da Axenda 2030

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 26/03/2021

A importancia que desde hai tempo se lle dá á biodiversidade aérea, en especial á de plantas e animais, non se corresponde coa que se lle outorga á biodiversidade do solo, que non obstante é responsable da provisión de servizos sistémicos tan determinantes como a regulación do clima, a achega de auga limpa ou a protección fronte a pragas e enfermidades. Co obxectivo de contribuír á sensibilización sobre a importancia da diversidade do solo, así como o de destacar o seu papel na procura de solucións ás ameazas globais que na actualidade sofre a súa biodiversidade, a Alianza Mundial para o Solo da FAO, Food and Agriculture Organization of the United Nations, impulsou a elaboración do informe State of Knowledge of Soil Biodiversity, que contou coa participación de máis de 300 científicos e científicas de todo o mundo. A catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo María Jesús Iglesias Briones é a única representantes dunha institución académica e de investigación galega que participou neste traballo, “que tras a publicación no ano 2016 do Atlas Global de Biodiversidade do Solo”, no que tamén participara, “é o informe máis completo e actual”, explica a docente e investigadora.

O estudo da axencia especializada da ONU, que presenta de xeito conciso o estado actual do coñecemento sobre a biodiversidade do solo, as ameazas e solucións que esta biodiversidade pode achegar aos diferentes problemas ambientais, está dirixido a todo tipo de público, para o que, aínda que ten contidos específicos, estes non son demasiado complexos. “De feito, desde a páxina da FAO pódese descargar o informe completo, pero tamén un resumo para os xestores políticos”, sinala Iglesias Briones, que coordinou a sección Servizos sistémicos de regulación que proporciona a biodiversidade no solo para mitigar o cambio climático, para o que empregou estudos que realizara previamente, aínda que tamén tivo que revisar información publicada ao respecto. “A este tipo de organizacións gústalles os datos cuantitativos”, explica a autora da sección, na que tamén participan dous investigadores estadounidenses e que se inclúe no capítulo 3 do informe, Contributions of soil biodiversity to ecosystem functions and services.

Un recoñecemento aos heroes silenciosos do solo 

A participación de Iglesias Briones no informe ten a súa orixe no ano 2012 cando é invitada a formar parte do comité Global Soil Biodiversity Assessment (GSBA) cuxa primeira misión foi elaborar o Atlas Global de Biodiversidade do Solo. “Foi en xuño de 2019 canto soubemos que a FAO estaba a buscar expertos para elaborar este informe e acordamos que os compoñentes deste comité deberían formar parte”, detalla a catedrática da UVigo.

A organización da ONU abriu entón unha petición pública á que concorreron centos de investigadoras e investigadores, dos que a FAO, a partir dos seus currículos, seleccionou aos algo máis de 300 que figuran en State of Knowledge of Soil Biodiversity. “Como mencionou o director xeral da FAO, os organismos do solo son ‘heroes silenciosos’ que agora reciben recoñecemento a través do informe. Xa era hora de que organizacións internacionais como esta puxeran a biodiversidade edáfica na súa axenda e agora só falta que a UE implemente nas súas políticas o protexer tamén a biodiversidade do solo”, demanda Iglesias Briones, que destaca que o informe tamén pretende proporcionar unha guía útil para apoiar a implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.