DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo 'Docs del Mes' retorna o vindeiro luns ao Teatro Principal con ‘Womanhood’

Catro citas por diante co cinema documental

A programación continúa ata decembro cunha proxección mensual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
DUVI Pontevedra 17/09/2019

Co arranque dun novo curso académico retorna tamén a programación de cinema documental que, coa colaboración do Concello, a Vicerreitoría do campus promove cada mes no Teatro Principal. Desde 2018, Pontevedra é unha das máis de 70 cidades de España e América Latina que forman parte da rede de DocsBarcelona del Mes, impulsada pola compañía Parallel 40 e que traerá ao Teatro Principal catro novas citas co cinema documental de aquí a decembro. A primeira delas, a proxección, o vindeiro luns 23 ás 20.30 horas, de Womanhood, filme no que a cineasta Beryl Magoko aborda a mutilación xenital feminina.

Preto de 500 persoas asistiron no Teatro Principal ás proxeccións programadas entre xaneiro e xuño no marco deste ciclo que, como salienta o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, “dános a posibilidade de ter documentais moi variados, que tocan problemáticas de todos os ámbitos e que en moitos casos contan con premios internacionais”. Con entrada libre ata completar aforo e proxeccións en versión orixinal con subtítulos en castelán, o ciclo está recibindo, engade Morquecho, “unha moi boa acollida” en Pontevedra, “onde temos unha media de case 100 espectadores por película”.

Mutilación feminina e especulación inmobiliaria

Docs del Mes retornará a vindeira semana dando visibilidade á problemática da ablación, a través de Womanhood, un documental dirixido pola cineasta de orixe kenyana establecida en Alemaña Beryl Magoko, Premiado en diferentes festivais, o filme preséntase como unha viaxe emocional da propia directora, vítima da mutilación xenital feminina na súa infancia en Kenya. 

A seguinte cita, o 21 de outubro, porá o foco na suba dos prezos da vivenda coa proxección de Push, un documental do director e xornalista sueco Fredrik Gertten. A través da relatora especial en vivenda da ONU, Leilani Farha, o filme propón unha viaxe por diferentes países tratando que comprender quen está a ser expulsado das cidades e por que. O luns 4 de novembro chegará a quenda de What Walaa wants, documental no que Christy Garland relata a historia de Walaa, unha das poucas mulleres policía nas forzas de seguridade palestinas. Por último, o 16 de decembro, o Teatro Principal acollerá a exhibición de When tomatoes met Wagner, un documental no que a directora Marianna Economou aborda a historia de dous habitantes dunha illada vila de Grecia que, no contexto da crise económica, deciden pór en marcha unha plantación de tomates orgánicos.