DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para traballos de fotografía, curtametraxes ou proxectos construtivos

Catro concursos para proxectar a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía cara a sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/09/2019

Fotografías de recursos mineiros e enerxéticos, deseño e construción dun equipo capaz de remover e de cargar material, curtametraxes que reflictan algún tema relacionado co eido enerxético ou maquetas interactivas eficientes. Estes son os eixos principais dos catro concursos que a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organiza para o curso 2019-2020 co obxectivo de proxectar o centro cara a sociedade e dar a coñecer as posibilidades laborais dos egresados e egresadas das súas titulacións. Como explica Santiago José Santiago Pozo-Antonio, subdirector de Relacións Externas e Mobilidade, “buscamos concienciar á nosa mocidade da importancia de facer un emprego sostible dos recursos minerais e enerxéticos respetando o noso medio ambiente e por outra banda, dar a coñecer os nosos dous graos: Enxeñaría de Recursos Mineiros e Enerxéticos e Enxeñaría da Enerxía”. 

Enfoca.RME 

O primeiro dos certames será o concurso de fotografía Enfoca.RME dedicado aos recursos mineiros e enerxéticos, que acada xa a súa terceira edición. Está aberto ao público en xeral e pretende premiar as mellores instantáneas sobre enerxía dende calquera perspectiva, incluíndo xeración, transformación, transporte e uso de enerxía, enerxías renovables, explotación de minerais e de rochas, túneles e obras subterráneas, restauración de espazos mineiros, avaliación de impacto ambiental, fabricación e uso de materiais, explosivos etc. Os traballos poden presentarse ata o 20 de novembro en dúas categorías: sénior para maiores de 16 anos e júnior para mozos e mozas menores desa idade. Na primeira das modalidades entregaranse tres premios (300€, 150€ e un accésit dunha mochila fotográfica valorada en 50€) e na segunda o primeiro premio consta dunha cámara dixital compacta valorada en 150 e un pau de autofoto valorado en 30 € para o accésit. A entrega dos premios terá lugar a comezos de decembro, coincidindo coa celebración de Santa Bárbara, patroa do centro.

Excava.RME 

Excava.RME está orientado ao alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos que terán como reto poñer a proba o seu enxeño e creatividade para construír un equipo que sexa capaz de remover e de cargar material. O guindastre/grúa con sistema de carga poderá estar fixo ou ser móbil e o requisito fundamental é que poida rotar sobre si mesmo e permita realizar a carga do material. Na súa construción o alumnado participante reforzará os seus coñecementos relacionados coa hidráulica, pneumática, circuítos e automática. O concurso, que se desenvolve por equipos, terá lugar o 3 de abril e a data límite de inscrición dos centros educativos é o 1 de decembro. O equipo gañador recibirá un premio por un valor de 300€ e o segundo de 150€. 

Enerxiza.RME

Este concurso, Enerxiza.RME, está dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos, para que poña a proba o seu enxeño e creatividade e reforce os seus coñecementos relacionados coa hidráulica, pneumática, circuítos e automática. Na competición, que se desenvolve por equipos, os estudantes deberán construír unha maqueta dunha instalación que aposte pola eficiencia enerxética. Poderanse presentar maquetas de vivendas eficientes ou ben de centrais e plantas de enerxías renovables, como eólica, hidráulica, xeotérmica etc. As bases non contemplan limitación en canto a materiais (cartón, madeira, metal, plástico etc.) ou tecnoloxías empregadas para a súa construción (elaboración manual en taller, creación de pezas mediante impresoras 3D, procesos de mecanización etc.).

Os equipos deberán inscribirse antes do 1 de febreiro de 2020 e a competición terá lugar o 5 de xuño na escola coincidindo co Día internacional do Medio ambiente. Para cada categoría entregarase un premio de 300€ e outro de 150€ para os centros educativos gañadores. 

Curtametraxes Enerxéticas

O concurso de curtametraxes enerxéticas está aberto a todo tipo de público e busca pezas de entre 5 e 10 minutos cunha temática que xire arredor da enerxía, no sentido máis amplo, dende o seu uso no día a día, ata os procesos de xeración, transporte e distribución, o desenvolvemento sustentable ou as súas fontes convencionais e renovables. A data límite de recepción das curtametraxes será o 20 de marzo de 2020 e a exhibición das pezas recibidas e entrega de premios realizarase o 3 de abril de 2020. O traballo gañador será galardoado con 300€ e o segundo clasificado recibirá 150€.