DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación do campus organiza un concerto co gallo das Letras Galegas

Catro coros para render homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

Terá lugar mañá sábado, 21 de maio, no Liceo de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 20/05/2022

O Liceo de Ourense acolle este sábado, 21 de maio, ás 20.30 horas, un concerto de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas 2022. Organizada polo Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Catorum, a cita contará tamén coa participación das agrupacións Auria Canta, Coro da Escola Municipal de Música de Barbadás e Coro Berea de Sober.

“A nosa homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán será este concerto de música e poesía. Sabemos que a Florencio gustáballe a música, todo tipo de música, e que mellor modo de renderlle homenaxe que deste xeito”, explica Ruth González, directora do coro do campus e das outras tres agrupacións que participarán na actividade. A formación coral universitaria, apunta a súa responsable, “ten sempre presente o repertorio galego”, alén de polo compromiso coa cultura e lingua propias porque “é un repertorio moi variado, diferente, que emprega unhas harmonías marabillosas que non se empregan noutros idiomas”.

En total serán arredor de 70 as e os músicos e cantoras e cantores que participarán nesta homenaxe, que reunirá agrupacións tanto de persoas adultas como de rapazas e rapaces. Dese a súa organización, salientan e agradecen a colaboración na iniciativa tanto da Vicerreitoría do Campus de Ourense coma do Liceo de Ourense. O programa mesturará actuacións individuais dos coros e outras con diferente combinacións entre eles, para finalmente interpretar todas e todos xuntos tres pezas. Para moitas e moitos dos participantes na actuación, indica Ruth González, esta será “a súa primeira actuación despois da pandemia e polo tanto unha oportunidade para que se integren de novo no mundo dos concertos e das actuacións”.

De Castelao a Tanxugueiras

Fiel ao seu estilo pero adaptándose á temática deste concerto, o repertorio da actuación caracterizarase pola mestura. Así, explica a directora do coro universitario, haberá desde música popular e obras de autores galegos destacados ata pezas de actualidade e rock. O público asistente poderá escoitar Cores no vento (de Alan Menken e Stephen Schwartz); Durme meu neniño (Josu Elberdin); Tireiche unha laranxiña (Javier Busto); Teu nome por mar e terra (Xabier Díaz e Guadi Galego); Lela (Alfonso R. Castelao e Rosendo Mato); Cada noite (Rosalía de Castro e Maximino Zumalave); Canto ó idioma galego (Manuel María); Terra maina (Albino Núñez); Terra (Tanxugueiras); Compañeira (Xosé Luis “mini” Rivas) e Miña terra galega (Siniestro Total), con arranxos de diferentes autorías. A actuación rematará co himno galego. Ademais recitaranse versos do poeta homenaxeado.

Baixo a dirección de Ruth González, a actuación contará ademais cun amplo elenco de músicos, estando no piano Alejandro Fírvida; no óboe Raúl Pérez; na gaita Pablo Martínez; na percusión Beatriz Fernández e na pandeireta Chasua González. Ademais, formando un “combo rock” estarán na batería Víctor Manuel Gallego; no baixo Rodrigo Díez e na guitarra eléctrica Adrián Rey. A entrada é libre ata completar aforo.