DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Fernando Ramallo é o autor dun dos capítulos desta publicación

Catro decálogos para reflexionar sobre o mundo tras a pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 08/06/2020

O mundo pospandemia; a nova normalidade, a sociedade do confinamento... son moitas as novas expresións que se están a acuñar tras a crise da COVID-19 e as medidas tomadas para paliala. A situación inédita vivida nos últimos meses deixará leccións para toda a humanidade, lecturas para un futuro a curto, medio e longo prazo e, algunhas destas reflexións recóllense no libro Corenta ideas para a (pos)pandemia, unha compilación de catro decálogos asinados por outros tantos autores, entre eles Fernando Ramallo, profesor do Departamento de Tradución e Lingüística e director da Área de Normalización Lingüística. Xunto con el, están implicados nesta publicación Manuel Outeiriño, profesor da Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela e escritor; Francisco Sampedro, filósofo e Iolanda Teixeiro, pedagoga social e membro da Rede de Decrecemento Eo/Navia-Bierzo-Galiza. Aos catro autores úneos un posicionamento ideolóxico compartido, “aínda que non todos temos relación persoal entre nós”, remarca o docente da UVigo. 

O libro, como recolle no seu limiar, é o resultado dunha interpelación a catro persoas ás que se lle pediu que elaborasen “un decálogo arredor da súa consideración sobre en que mundo entramos, ou, en todo caso, a que fase do sistema-mundo actual nos diriximos”. No que se refire ás temáticas, algunhas son xenéricas e outras específicas, unha variedade de contidos e perspectivas “que poden lerse en conxunto, por separado, de xeito complementario”, que os autores agardan que poidan axudar a continuar “a reflexión sobre este momento histórico e, nomeadamente, sobre o presente e o futuro máis inmediato para a humanidade”.

Fernando Ramallo, profesor do Departamento de Tradución e Lingüística e director da Área de Normalización Lingüística, explica que o libro xorde de xeito espontáneo, despois de pasar as primeiras semanas do confinamento. “Un día deume por escribir un primeiro decálogo, que compartín con diversas persoas coas que formamos un grupo de Telegram para promover a produción de decálogos”. A raiz disto, lembra, naceu a idea de deseñar unha publicación na que se reunisen outros decálogos achegados nese grupo. “Pouco a pouco”, engade, fóronse integrando propostas ata chegar a once e decidiron “sacar un primeiro libro con catro destes decálogos mentres se remataba a produción do libro cos once”. En definitiva, Corenta ideas para a (pos)pandemia é “o resultado desa primeira achega” e na actualidade xa está tamén dispoñible o proxecto completo baixo o título Caldo galego. Ideas para a pospandemia, coordinado por Rubén Moralejo Silva.

Catro visións, catro decálogos

“Os catro decálogos son un xeito de interpelar ideoloxicamente aos e ás lectoras sobre as experiencias inéditas polas que pasamos nestes meses e sobre o mundo ao que estamos encamiñándonos”, apunta Ramallo. Son textos que define como “arriscados, no sentido de que están escritos ‘en quente’, mais, precisamente por iso, cremos que teñen suficiente interese para continuar co debate, a reflexión e a crítica”. Neste sentido, puntualiza que o feito de seren escritos ‘en quente’, “non supón que sexan decálogos efémeros, isto é, que debamos reescribir pasados uns meses. Pola contra, cada un deles é o resultado dunha posición ideolóxica polo seu autor/a que se proxecta nidiamente neste momento histórico actual”.

O docente tamén lembra que cada decálogo foi escrito sen coñecer os demais textos. “Non houbo debate previo, nin discusión a o respecto e isto ten como consecuencia que poida haber algunha redundancia, explicable, iso si, pola procedencia ideolóxica dos autores e autora participantes. Malia ser unha publicación conxunta, cada un é responsábel do seu texto”.

A «minoría de idade» como síntoma pandémico 

O decálogo de Fernando Ramallo leva por título A «minoría de idade» como síntoma pandémico, un manifesto no que amosa como o docente e investigador entende esta experiencia da pandemia e as medidas que provocou. “Pode resumirse na necesidade de superar a minoría de idade que o confinamento evidenciou de xeito inapelable, fronte ao entusiasmo inicial de entender o confinamento como o espazo idóneo para a reflexión crítica e emancipadora a prol dunha sociedade realmente xusta, igualitaria e democrática, tres trazos sobre os que o confinamento axudou a evidenciar a súa ausencia inherente ao capitalismo”.

Entre outras ideas, Ramallo remarca no seu decálogo que a manipulación é contaxiosa e supón o eixo ideolóxico para o fortalecemento e a reprodución da «minoría de idade». Tamén reflexiona sobre o teletraballo, un “experimento que funcionou” a pesar de terse adiantado unha década, como explica. Tamén os cambios nas relacións sociais que se derivarán da pandemia, a pobreza ou o papel da Organización Mundial da Saúde ocupan parte do texto.