DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova rematou este venres a súa programación

Catro días de “deconstrución” do audiovisual galego

A iniciativa foi punto de encontro entre alumnado e industria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 01/07/2022

Desde o martes e ata este venres, o Concello de Celanova acolleu a celebración do XVIII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC 2022), que nesta ocasión levou por título Cinema no bisturí. Deconstruíndo o audiovisual galego actual. Organizado no marco da programación de extensión universitaria do campus de Ourense, na cita abordáronse as últimas producións do audiovisual galego de man dos seus equipos, dando protagonismo tamén ás pezas gravadas en Ourense no último ano e ás curtametraxes feitas pola “canteira” da Universidade de Vigo en 2021.

O curso estivo organizado pola UVigo e a Fundación Carlos Casares co apoio da Deputación de Ourense, Agadic e o Concello de Celanova, sendo clausurado este venres nun acto no que participaron os seus directores, os profesores da Universidade de Vigo Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez; Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra; Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Antonio Puga, alcalde de Celanova, e Patricia Torres, deputada de Cultura e Producións Audiovisuais. Salientando o feito de que o CeMAC volveu nesta edición “á normalidade tras o parón provocado pola pandemia”, Paulino Pérez destacou que “estamos moi contentos por como se desenvolveu o curso”. Por unha banda, puxo de relevo a “actitude do alumnado, que participou moitísimo nas sesións, facendo todo moi dinámico” e por outra a resposta das e dos relatores, “aos que lles encantou a idea do curso, a forma de desenvolverse” e “porque foron moi didácticos nas súas intervencións, facendo o curso moi ameno”. En total, asistiron a esta edición arredor de 25 estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra.

Foro de referencia

O CeMAC volveu este ano á palestra co obxectivo de continuar consolidándose “como foro audiovisual de referencia en Galicia”, abordando “a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes e formatos, sustanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos receptores”. No curso participaron nas mesas profesionais de diferentes áreas (fotografía, música, guión…) e tamén perfís profesionais das industrias culturais, co fin de analizar a situación do sector e as novas posibilidades transversais de actuación. O contacto entre alumnado e profesionais do sector que posibilita este iniciativa, comentou Paulino Pérez, resulta moi interesante pois, indicou, “achégalles aos estudantes un valor engadido ao que nós impartimos nas aulas, incluso un reforzo. O alumnado ve que o que nós lle contamos tamén é o que lles contan os profesionais”. O contacto coa realidade do sector e cos seus profesionais, engadiu o docente, “é algo moi enriquecedor” para as e os estudantes.

O primeiro día do curso, o protagonismo foi para a canteira da UVigo, abordando producións feitas en 2021 por egresados, egresadas ou estudantes desta institución académica, como son as curtametraxes Versos Post-Mortem; Dúas cores; Paco; O niño do paxaro; 30 ́ 70 60 120 ́ e O que queda de nós. A longametraxe Código emperador foi a gran protagonista da programación do mércores, achegándose a Celanova membros dos diferentes departamentos do seu equipo para analizar esta obra en detalle, entre eles o seu director, Jorge Coira. O xoves, o foco trasladouse a catro producións rodadas en Ourense en 2022, as longametraxes O Home e o can; La manzana de oro; O corpo aberto e Honeymoon, contando coa participación de directores ou produtores destas obras. “Esta sesión foi moi intensa pero moi didáctica. Vimos catro maneiras distintas de abordar unha produción, catro visións diferentes. Isto é moi enriquecedor para o alumnado, porque ve que non hai unha maneira única de traballar”, comentou Paulino Pérez.

Por último, este venres presentouse a curtametraxe Asunción, protagonizada por Mela Casal e Iván López e realizada por alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra no marco do Taller audiovisual Celanova, plató de ficción. Este taller foi realizado o pasado mes de outubro na localidade ourensá como parte da anterior edición do CeMac. Baixo a dirección de Paulino Pérez, as e os estudantes participantes tiveron que, cun orzamento concreto, gravar e producir esta peza. A curtametraxe, comenta Paulino Pérez, “gustoulle á xente” na súa estrea e nela abórdase o conflito interxeracional e a soidade. Tamén nesta xornada de clausura se falou da distribución de curtametraxes e das academias do sector, contando con membros da Academia Galega do Audiovisual. Esta edición do CeMac terá a súa prolongación en outubro, cando Celanova acolla unha nova edición do Taller audiovisual Celanova, plató de ficción.