DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son as gañadoras do concurso 'Que é a UVigo para ti?'

Catro fotos que amosan que a Universidade é moito máis ca unha etapa formativa

Edificios ao solpor, grandes amizades e novos comezos protagonizan as instantáneas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 03/12/2020

Máis que clases, máis que apuntamentos, máis que laboratorios e moito máis que un lugar de traballo e estudo. A Universidade é para uns unha etapa da vida e para outros unha profesión e unha vocación. Así o reflicten as fotos gañadoras do concurso Que é a UVigo para ti? convocado pola Área de Emprego e Emprendemento. O xurado, reunido este mércores seleccionou as catro mellores instantáneas entre as 28 recibidas en catro categorías. Así, entre o colectivo de estudantes foi a foto de Carla Aira Rodríguez a que levou o primeiro premio; a de Cristina Pérez entre as persoas egresadas; a da profesora Pilar Piñeiro entre o PDI e a de Marilia Skoufou nunha modalidade internacional engadida ao certame en substitución da de PAS, na que non se presentaron obras.

Persoas que chegan para dar vida

A proposta de Cristina Pérez Carmuega foi seleccionada na categoría de persoas egresadas. Explica que a foto Persoas que chegan para dar vida significa moito para ela, “nela aparecen reflexadas esas persoas que apareceron por casualidade e déronlle sentido á miña vida na Universidade”. A imaxe foi tomada “xusto despois de facer as fotos para a orla”, ao rematar o grao en Educación Infantil no campus de Pontevedra en 2019. “Decidimos facer unha sesión de fotos co meu grupo de amigas, elas son as persoas que chegaron para quedarse, para darlle vida á vida. Elas tres e máis eu pasamos durante a carreira moitas aventuras, exames, traballos, risas, choreiras, festas... o que atopei nelas é un lugar no que sentirme coma na miña casa”. 

O futuro da ciencia vaise a descansar

Carla Aira Rodríguez acadou o 1º premio na categoría de Estudantes coa foto O futuro da ciencia vaise a descansar, a máis recente de todas as gañadoras, sacada o 16 de novembro deste ano 2020 no complexo de investigación CACTI-Cinbio do campus de Vigo. Graduada en Química pola UVigo, Aira actualmente está realizando o traballo fin de mestrado nun destes laboratorios. “Tiven a sorte de coincidir con grandes mentes e grandes persoas, ás que creo que, se se lles dá a oportunidade, poden achegar grandes cousas á ciencia deste país e a este mundo. Xente curiosa, implicada e feliz”. A foto amosa como as luces do solpor se reflicten sobre as cristaleiras deste edificio do campus. “Cando salgo e vexo estas postas de sol despois dun longo día de traballo, síntome orgullosa do que estou facendo e penso en todo o que aínda podo achegar. E penso tamén a toda esta xente que coma min, está traballando xunta para facer desde un mundo mellor. Esta fotografía representa para min a oportunidade e a ilusión e paixón de quen ama aquelo que fai”.

Máis que clases

Un das dúas propostas presentadas pola profesora de Departamento de Organización de Empresas e Márketing Pilar Piñeiro acadou o 1º premio na categoría PDI. Máis que clases é unha foto de grupo no lago da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do alumnado da XI edición do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible (MXDS), que ela coordina. “A foto fixémola o primeiro día de clase do curso 2019-2020. Aínda que poida parecer que son un grupo de amigos, facía só un par de horas que os alumnos e alumnas se coñecían entre eles”. Como explica a docente, “o máster é multidisciplinar e os alumnos son moi diferentes tanto polos estudos que cursaron previamente como pola súa procedencia xeográfica. Por exemplo, dos 20 alumnos do curso 2019-2020, 11 eran estranxeiros e só unha alumna estudara previamente na UVigo. Por iso, remarca Pilar Piñeiro, “o primeiro día de cada curso é un día ‘para eles’, para que se coñezan como persoas. Creo que para poder medrar xuntos profesionalmente é fundamental traballar tamén esa parte persoal, que se identifiquen como grupo e como membros da UVigo, para que comecen a apoiarse uns a outros desde o primeiro día. Para min o MXDS e a Universidade son "máis que clases" e por iso ese é o título da foto”.

Moitos lugares para un sitio

Finalmente, o concurso incluíu unha modalidade non prevista, internacional, na que foi seleccionada a foto de Marilia Skoufou como accésit. Titulada Moitos lugares para un sitio, é unha foto de grupo de cando esta estudante grega realizou a súa estadía Erasmus no campus de Pontevedra. A imaxe foi sacada tras o acto de benvida na Casa das Campás e, como remarca Skoufou en relación ás persoas que a acompañan na foto “os nosos camiños cruzáronse, con algún máis, con outros menos, pero todos compartimos uns recordos que dificilmente se poderán repetir: as nosas titorías na Universidade, as novas amizades que realizamos, as nosas reunións nas que compartimos todo o novo que estábamos coñecendo. Pero máis que nada, compartimos todos o mesmo lugar: a Universidad de Vigo”. Por iso, esta instantánea recolle para Marilia “o inicio dunha vida nova”, mesmo unha “porta a un mundo novo”, xa que ademais de aprender español decidiu quedar e matricularse no posgrao sobre Necesidades Específicas de Apoio Educativo”. Na actualidade xa rematou os seus estudos e traballa en Vigo, polo que como puntualiza, “todo comezou despois desta fotografía”. 

As catro imaxes formarán parte da web da futura asociación de antigo alumnado que se está a artellar dende a Área de Emprego e Emprendemento.