O campus foi unha das nove sedes desta conmemoración
Catro horas de radio e tradición oral para festexar 30 anos de Ponte…nas ondas!
Participaron oito centros de diferentes etapas educativas
O campus de Ourense foi unha das noves sedes de Galicia e do norte de Portugal nas que este mércores se celebrou o 30 aniversario da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! Foi cun maratón de radio no que participaron oito centros de diferentes etapas educativas e nos que os grandes protagonistas foron a tradición oral, a interculturalidade e a interxeracionalidade.
Ao igual que no edificio Miralles do campus de Vigo, o salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico do campus de Ourense acolleu de 10.00 a 14.00 h o desenvolvemento da retransmisión radiofónica, á que asistiron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Xosé Manuel Cid, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social en representación de Ponte…nas ondas!; Tamara Silva, concelleira de Educación de Ourense, e Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense.
Na emisión, guiada por Nuria Diéguez, participou alumnado dos CEIP Mestre Vide, Ben Cho Shey e O Castiñeiro de Laza; do CPI Virxe da Saleta de Cea; do IES As Lagoas; do CIFP Portovello; do centro de formación para adultos EPAPU e da Facultade de Educación e Traballo Social. Elas e eles cantaron, recitaron, tocaron diferentes instrumentos musicais, narraron, entrevistaron a portadores da tradición oral... e convertéronse elas e eles mesmos en transmisores da cultura inmaterial galega. Tamén actuaron Cé Orquestra Pantasma e o Mago Teto e non faltou unha conversa entre Xico Paradelo e Isaac Alonso Estravis. Esta retransmisión “radiovisual”, con realización de UVigoTV, puido seguirse en directo desde a web de PNO! e o portal Escolas nas ondas e houbo conexións por parte de diferentes emisoras.