DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus concedeu este ano dúas bolsas con este obxectivo

Catro meses de formación para a inserción laboral de persoas con diversidade intelectual

Saúl Álvarez foi o primeiro dos seus beneficiarios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 10/05/2022

Este curso académico convocáronse dúas bolsas para a formación de persoas con diversidade intelectual no campus de Ourense. O seu obxectivo é ofrecer a mozas e mozos con diversidade intelectual formación práctica en dependencias da Universidade de Vigo que lles facilite a adquisición de estratexias, habilidades e competencias persoais e profesionais encamiñadas a completar a súa preparación para o seu acceso ao mercado laboral e acadar así maiores graos de autonomía e independencia persoal. O seu primeiro beneficiario foi Saúl Álvarez, que remata agora a súa formación de catro meses en tarefas administrativas.

A iniciativa, tal e como recollen as súas bases, xorde do compromiso da Universidade de Vigo, como institución pública do ámbito educativo, na inclusión social de persoas con discapacidade a través da formación, proporcionándolles experiencias inclusivas e de normalización dentro da universidade, non só no ámbito da formación regulada senón tamén da formación ao longo de toda a vida. Esta convocatoria dá continuidade a outras similares realizadas en anos anteriores e que se viron suspendidas debido á situación sanitaria provocada pola covid-19.

As bolsas son de formación na especialidade de auxiliar de servizos xerais na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial do campus, onde están ubicadas as facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo. “Para nós é case unha obriga facer este tipo propostas, na Universidade estamos comprometidos e traballamos pola igualdade e a integración de todas e todos. Ademais, é para nós moi reconfortante axudar á integración de persoas con diversidade”, destaca Esther de Blas, vicerreitora en funcións do campus de Ourense.

Unha experiencia laboral

O primeiro dos beneficiarios destas bolsas foi Saúl Álvarez, de 24 anos e membro da asociación Down Ourense. El estivo formándose como auxiliar de servizos xerais na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial desde o pasado mes de febreiro, rematando agora a súa bolsa. En horario de 9.30 a 13.30 aprendeu e desenvolveu tarefas que corresponden a este posto, desde o rexistro e reparto interno do correo ata a revisión de elementos de uso común como fotocopiadoras. “En xeral gustoume todo o que fixen. Aprender cousas novas sempre é bo”, apunta o bolseiro. Non foi a súa primeira experiencia laboral pero si a primeira en tarefas administrativas. Desta etapa subliña, ademais de todo o aprendido, que “durante estes meses sentinme moi cómodo”, especialmente cos seus compañeiros e compañeiras de traballo pero en xeral con toda a comunidade universitaria. Rematada esta formación, o obxectivo agora de Saúl Álvarez é preparar unhas oposicións a auxiliar técnico de servizos nunha universidade.  

Sobre esta iniciativa, Lorena Prieto, técnica de emprego e preparadora laboral de Down Ourense, destaca que “a Universidade de Vigo leva colaborando desde hai anos na inserción de persoas con diversidade e iso ao final é unha forma de dar oportunidades e de amosar un ámbito diferente da administración”. Neste senso quixo agradecer a colaboración recibida en todos os aspectos para o desenvolvemento da formación de Saúl Álvarez. En setembro incorporarase ao campus o segundo dos bolseiros da convocatoria, tamén membro desta asociación.