DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de 256 novos egresados e egresadas

Catro novas promocións de Ciencias da Educación pechan os actos de graduación deste curso

A celebración tivo lugar o sábado no Auditorio Municipal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 24/06/2019

O Auditorio Municipal de Ourense foi o escenario este sábado do acto de graduación de catro novas promocións da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. 256 novos egresados e egresadas dos graos de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social e Traballo Social celebraron con familiares, amigos e membros da comunidade universitaria o remate con éxito da súa formación superior.

María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, e Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, acompañaron, entre outras autoridades, ás novas promocións na súa celebración. En primeiro lugar festexaron o remate dos seus estudos as VII promocións do Grao en Educación Infantil, formada por 68 persoas, e do Grao en Educación Primaria, composta por 76 estudantes. Os padriños e madriñas foron as e os profesores do centro Julia de la Montaña, Xosé Constenla, Isabel Mociño e Hipólito Puente. Aos futuros mestres e mestras, Mar García subliñoulles como “toca asumir importantes retos para afrontar con éxito a educación das nenas e nenos, que teñen dereito a desenvolver ao máximo o seu potencial como persoas que formarán parte dunha sociedade complexa, global e multicultural”.

O segundo dos actos de graduación foi o das VII promocións do Grao en Educación Social, formada por 59 persoas, e do Grao en Traballo Social, compostela por 53 estudantes. Os padriños e madriñas foron as e os profesores do centro María Martínez, Esther Pérez e Xosé Manuel Cid. “Co voso traballo participaredes na creación dunha sociedade máis cohesionada, participativa e integradora mellorando as competencias, estratexias e recursos das persoas para desenvolverse plenamente e integrarse socialmente, conseguindo deste xeito unha vida digna”, recalcoulles aos novos titulado e tituladas Mar García. A decana subliñoulles como na nova etapa que se abre para estes egresados e egresadas, "a Facultade de Ciencias da Educación é a vosa casa, sempre seredes benvidos. As súas portas están abertas e podedes contar con nós para apoiarvos como profesionais, para seguir ofrecéndovos formación continua e actualizada, pero tamén para compartir as vosas experiencias".