DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle un encontro do proxecto Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!

Catro socios europeos na procura de fórmulas para fomentar o emprendemento feminino

Conta coa participación da Universidade de Vigo e da Confederación Empresarial de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Ourense 16/09/2021

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do primeiro encontro presencial do proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN! (Mulleres Emprendedoras en Acción). Nel, socios de Francia, Alemaña, Bélxica e España, entre os que están a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), buscan fomentar o emprendemento desde unha perspectiva de xénero.

O proxecto, explicou Elena Rivo, profesora que dirixe a participación da UVigo nel a través do Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen), comezou en setembro de 2019 e finalizará en agosto de 2022, despois de ter que ser ampliado o seu prazo de execución debido á pandemia. A iniciativa conta con financiamento da Comisión Europea, formando parte do programa de Alianzas Estratéxicas Erasmus + para a educación e a formación profesional, e está dirixida a mulleres emprendedoras, con proxectos de menos de tres anos de actividade, ou mulleres cun proxecto de creación de empresa. Laura Movilla, directora da Área de Internacionalización da UVigo, destacou na benvida ás e aos participantes ao encontro como Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN! é un proxecto internacional de cooperación educativa KA2 “especialmente interesante pois é moi práctico, ten que ver con cuestións de xénero e emprendemento, é moi creativo e chega a sectores da sociedade máis alá do ámbito educativo”. Así, afirmou que “é un exemplo de boas prácticas neste tipo de iniciativas”.

Confianza e apoio

Os obxectivos Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN! estrutúranse en tres eixes, como son sensibilizar ás mulleres sobre a creación de empresas; fomentar a creación de empresas entre as mulleres; desenvolver as habilidades e competencias das mulleres; axudar ás empresas creadas a ter éxito e permitir ás mulleres expandir o seu negocio, como pode ser a través da creación de redes. Trátase, sinalan as súas responsables, de fomentar o emprendemento desde unha perspectiva feminina tendo en conta que aínda que as mulleres son máis da metade da poboación as súas cifras de emprendemento en Europa só se aproxima ao 30%.

“No marco do proxecto está previsto a realización de diversos 'transnacional meetings'. En Ourense estaba previsto que se celebrase un en marzo de 2020 pero tivo que anularse pola covid e tivemos que continuar o proxecto con encontros virtuais. Así que estamos moi contentas de poder realizar este primeiro evento presencial”, sinalou Elena Rivo na sesión deste xoves. No encontro en Ourense participan, ademais de membros da Universidade de Vigo e da CEO, nove persoas das demais entidades implicadas, como son o Eléo Conseil e a Societè Interfaces, de Francia; a Universitat des Saarlandes, de Alemaña, e a Association des Mompreneurs de Belgique, de Bélxica.

Segundo explicou a coordinadora xeral do proxecto, a francesa Maïtè Cosnard, do Eléo Conseil, “esta reunión é unha reunión de coordinación do proxecto na que vamos a abordar as actividades de cada socio”. A súa responsable indicou como o principal obxectivo do proxecto é facilitar a creación de empresas por mulleres, ofrecéndolles un marco de traballo de confianza e unha dinámica útil para mellorar as súas iniciativas de emprendemento. Así, destacou a importancia de animar e apoiar ás mulleres a emprender tendo en conta que entre as dificultades que se atopan están “a falta de confianza en si mesmas, nas súas capacidades”. As mulleres, dixo Maïtè Cosnard, “en xeral teñen menos empresas e cando as teñen son pequenas empresas e o seu desenvolvemento non é tan rápido como no caso das dos home. Non lles é fácil ter financiamento bancario e tamén están as dificultades de conciliación familiar”. Pola contra, apuntou, “as estatísticas amosan que as empresas das mulleres son moi sólidas, porque hai moita prudencia, quizais demasiado”.

En Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!, as iniciativas a desenvolver por parte da Universidade de Vigo coa colaboración da Confederación Empresarial de Ourense abranguen accións como un programa de formación sobre emprendemento, titoriais formativos, un taller de creación dun negocio propio e a creación dun cómic titulado Mulleres en acción. Unha guía para o emprendemento. Entre os temas abordados na reunión que se celebra esta semana no campus de Ourense está tamén a organización de mobilidades que permitirán a mulleres empresarias ou que queiran emprender un novo negocio visitar os países socios deste proxecto europeo.