DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Baamonde permanecía á fronte do facultade desde decembro de 2015

CCSS e da Comunicación celebrará eleccións o 4 de novembro trala renuncia do seu decano

As candidaturas poderán presentarse entre o 23 e 29 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 14/10/2020

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación elixirá novo decano ou decana o 4 de novembro, despois de que o profesor Xosé Baamonde, formalizase a súa renuncia a completar o seu segundo mandato á fronte do centro do campus pontevedrés, do que é decano desde decembro de 2015. Profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Baamonde explica que, “por razóns persoais, para poder estar máis tempo coa familia”, xa o pasado curso tomara a decisión de non completar o seu segundo período de tres anos á fronte da facultade. Mais a crise xerada pola covid-19 obrigou a adiar a súa dimisión “ata que o novo curso estivese en marcha”, sinala. A convocatoria feita pública este mércores fixa para o 4 de novembro a celebración da Xunta de Facultade na que se votará ao novo ou nova responsable do centro, trala proclamación das candidaturas que se presenten entre o 23 e 29 de outubro.

Previamente, mañá xoves 15, procederase ao sorteo da xunta electoral, que se constituirá o luns 19. Trala exposición dos censos, abrirase un prazo de presentación de candidaturas, que se proclamarán, de xeito provisional, o 29 de outubro, e de forma definitiva, o martes 3 de novembro, día previo á súa votación. “Falando cos membros do equipo decanal, decidimos completar o curso pasado coa idea de que non houbera ningunha interferencia cos plans de organización docente”, explica Baamonde, que prevía convocar esta votación no treito final do curso 2019-2020. Mais, tralo estado de alarma e a suspensión da actividade docente presencial, “decidimos continuar, porque non nos parecía apropiado facer esa transición antes de que puxeramos o curso en marcha e se normalizaran un pouco as cousas”.

En setembro de 2018, Baamonde, que nestes días comunicou a súa decisión ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e ao vicerreitor de campus, Jorge Soto, fora reelixido decano con 44 votos a favor e cinco en contra. Desde entón, permanecía á fronte dun equipo decanal que completaban os docentes Diana Ramahí, José Pita, Paulino Pérez e Tino Cordal, como vicedecanos de Calidade, Mobilidade e Alumnado, Comunicación e Asuntos Económicos, respectivamente, e Mabel Míguez como secretaria académica.

Balance de cinco anos

“Supoño que cometeríamos os nosos erros e teríamos os nosos acertos, pero, desde o punto de vista persoal, fago un balance moi positivo, creo que se aprende moito e que estar en postos de xestión debería ser case unha obriga para os membros da comunidade docente”, salienta o xa decano en funcións. Dos “logros” acadados pola facultade nestes cinco anos, Baamonde destaca, entre outros, a creación, en 2018, do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais ou a renovación dos plans de estudos dos graos en Comunicación Audiovisual e Dirección e Xestión Pública, que estrea no presente curso a modalidade virtual. 

Durante esta etapa, a facultade conmemorou tamén o seu 25 aniversario, cunha programación de actos, en outubro do pasado ano, “nos que intentamos traer aquí aos nosos egresados e que foi un evento importante para nós”. No referido á infraestruturas, “dotamos varios espazos para a docencia e incorporamos un novo laboratorio de fotografía”, destaca Baamonde, que salienta así mesmo a aprobación do plan de internacionalización de Dirección e Xestión Pública, que dá a posibilidade de cursar unha serie de materias en inglés, á vez que se mantivo o convenio de recoñecemento mutuo de estudos coa Universidade de Sao Paulo. Así mesmo, na modalidade presencial desta titulación, “cambiáronse as clases ao horario de mañá, para que fose máis atractiva para o estudantado de bacharelato”, contribuíndo deste xeito, sinala, “a que non teñamos problemas de matrícula”. Do mesmo xeito, a demanda que cada ano presentan os graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual contribuíu tamén a que, “en liñas xerais, a facultade seguise sendo un referente na comunicación en Galicia”. 

Un curso marcado pola covid-19

Os últimos meses de mandato, recoñece o decano en funcións, estiveron marcados pola toma de medidas “para adaptarse ás circunstancias da covid-19”, no referido a adaptación de aforos e espazos e a preparación da docencia semipresencial. Nese senso, o decano en funcións sinala que se apostou pola “máxima presencialidade”. de tal xeito que tanto o grao en Dirección e Xestión Publica, coa excepción da súa modalidade virtual, como os mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais son totalmente presenciais. No caso dos graos en Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual, optouse, sinala, por unha “presencialidade rotatoria” a través das Aulas Integra, mentres que o mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional viña impartíndose desde o seu inicio de modo virtual.