DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No curso pasado arredor de 1400 persoas participaron nas formacións do CdL

O Centro de Linguas estrea o curso coa semipresencialidade en varios cursos como principal novidade

Tamén se inclúe por primeira vez na oferta o nivel C2.1 no campus de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
DUVI 11/09/2019

O novo ano académico arrinca para o Centro de Linguas da Universidade de Vigo con varias novidades na súa oferta de cursos de idiomas. En total, no primeiro cuadrimestre ofrécese formación en sete idiomas e nos seus diferentes niveis. Así, no campus de Vigo está aberta a matrícula en 36 cursos de inglés, francés, alemán, portugués, persa, chinés e español para estranxeiros, mentres en Pontevedra se impartirán sete cursos de inglés e español para estranxeiros e en Ourense cinco de inglés e español para estranxeiros. No curso pasado, os diferentes cursos que se imparten ao longo dos dous cuadrimestres contaron con arredor de 1400 persoas matriculadas.

Como principais novidades neste curso, explica Mercedes Álvarez, coordinadora Académica do Centro de Linguas, hai dúas novidades principais. Por unha banda, a semipresencialidade, xa que este ano “se ofrecen nesta modalidade os cursos de B1.1 nos tres campus cunha presencialidade de dúas horas por semana e o resto en liña”. Serán tamén semipresenciais o A1.1 e A2.1 de alemán con 2.5 horas presenciais o A1.1 e 3.5 horas presenciais semanais o A2.1. Outras das novidades será a impartición do nivel C2.1 no campus de Vigo, así como o  B1+ de alemán de 1.5 horas á semana. Álvarez engade que tamén se oferta por primeira vez “o curso Hold on to your English! en Pontevedra e Ourense e, neste último campus tamén se organizan por primeira vez cursos de preparación para os exames B2 FCE e C1 Advanced de Cambridge. Completan as novas ofertas o curso de portugués en Pontevedra na cidade, nas aulas do Conservatorio Profesional de Música de Vigo en horario intensivo os venres á tarde, a preparación do C1 Advanced de Cambridge na cidade, no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e chinés A1.1 en Pontevedra por primeira vez a través da Aula Confucio da Universidade de Vigo.

A responsable do CdL tamén destaca a posibilidade de matricularse no A1.2 de chinés neste cuadrimestre e certificar o nivel a través da realización do HSK1 en Vigo, “o exame do Instituto Confucio que acredita o nivel deste idioma”.

A matrícula está xa aberta e poderase facer efectiva ata o 22 deste mes de setembro.