DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inclúe docencia presencial, semipresencial e virtual en sete idiomas

O Centro de Linguas reformula e amplía a súa oferta académica para o novo curso

Xa está aberto o prazo de matrícula e haberá clases presenciais tanto no campus como na cidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 08/09/2020

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo arranca o curso 20-21 estreando web e unha oferta académica totalmente renovada e adaptada ao contexto actual. Nesta nova programación gaña peso a oferta de actividades semipresenciais e virtuais para que así todo o alumnado poida atopar o curso que mellor se adapte aos seus horarios e intereses. A matrícula xa está aberta e as linguas ofertadas inclúen inglés, alemán, portugués, chinés, italiano, xaponés e español como lingua estranxeira.

Os novos cursos combinan clases e traballo autónomo, sempre co seguimento e apoio permanente do profesorado. “Deseñamos a programación para que se poida elixir entre distintas modalidades en horarios diferentes, cursos presenciais e semipresenciais de luns a venres en distintas franxas horarias e cursos virtuais tamén entre semana a última hora da tarde e da mañá”, explica Mercedes Álvarez, coordinadora académica e xefa de estudos do centro, ao tempo que recalca que na modalidade virtual haberá cursos nos que o 100% das clases impartiranse por videoconferencia ou outras plataformas interactivas de aprendizaxe en tempo real, e outros nos que o 50% das clases se impartirán por videoconferencia e o resto da docencia será traballo autónomo do propio estudante titorizado polos docentes. 

O profesorado do Centro de Linguas realizará un seguimento do traballo autónomo de todo o alumnado e poranse a disposición do alumnado titorías presenciais ou a través de Campus Remoto.

Matrícula aberta

Xa está aberto o prazo de matrícula nos cursos que se impartirán  durante o primeiro cuadrimestre (de outubro a decembro) e tamén para aqueles que se prolongarán ao longo de todo o curso. En inglés e alemán ofrécese a modalidade semipresencial e virtual, mentres que os de portugués, chinés, italiano e xaponés serán virtuais. No caso do de Español como lingua estranxeira as persoas interesadas poden elixir entre a modalidade presencial e virtual.

“Todos os grupos teñen un nivel homoxéneo para poder cumprir cos  obxectivos específicos de cada nivel. Por iso, se non se dispón dunha acreditación do nivel anterior, debe facerse unha proba de nivel”, explican desde a organización.

Retómanse os exames presencias cancelados pola pandemia

As clases presencias desenvolveranse nas facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo e na Escola de Enxeñaría Industrial, tanto na sede do campus como na da cidade. No caso de Pontevedra as clases serán na Escola de Enxeñaría Forestal. 
Por outra banda, retómase a realización de exames presenciais que non se puideron organizar por mor da pandemia. Este mesmo venres realizarase a proba de español DELE do Instituto Cervantes, o venres 18 o TOEFL e, se as condicións sanitarias o permiten, está prevista a realización de exames CertAcles en xaneiro 2021 como viña sendo habitual.