DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira sesión será o vindeiro 17 de marzo e alongarase ata finais de abril

Un ciclo achegará á comunidade universitaria as claves do Dereito Marítimo

Abordaranse temas como a normativa de traballo, as coberturas legais ou o tráfico de contedores

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
M. Del Río DUVI 06/03/2020

Sete citas, entre o mes de marzo e o de abril, artellan a novena edición do ciclo de actividades sobre Dereito Marítimo que organiza a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no marco das súas actividades docentes. As conferencias, casos prácticos e visitas son de balde e están abertas tanto ao alumnado como a docentes e persoal de administración e servizos da Universidade así como á sociedade en xeral interesada nestes contidos. O obxectivo deste ciclo é aproximar os asistentes á operativa de certas empresas do sector marítimo e portuario e aos principais problemas xurídicos derivados desta actividade.

A primeira sesión será o vindeiro 17 de marzo a partir das 16.50 h, cun relatorio de Luz Baz Abella, inspectora da ITF (Federación Internacional dos Traballadores do Transporte), que achegará os aspectos fundamentais do Convenio sobre traballo marítimo, da actividade da ITF e a función inspectora.
Dúas semanas despois, e co mesmo horario, será a quenda de Roi Gómez, procurement manager do grupo Kaleido Logistics, que impartirá un taller sobre a operativa de consignación de buques, no que analizarán con detalle os conceptos básicos, funcións e responsabilidades relacionados coas empresas consignatarias. As e os asistentes poderán formular un caso práctico sobre estes contidos.

Xa no mes de abril, en concreto o día 20, terá lugar unha sesión dobre. A partir das 16.50 h, arranca un seminario cun caso práctico sobre a reclamación e liquidación nun accidente marítimo, da man de Rebeca Barbará, responsable de sinistros marítimos en Mapfre España. Posteriormente, ás 17.45 h desenvolverase outro caso práctico, desta volta sobre os aspectos prácticos das coberturas do Grupo Internacional de Clubes de P&I, guiado por Antonio Quirós, avogado especialista en Dereito marítimo de Avante legal. 

Ao día seguinte será o profesor asociado da Universidade de Ankara Ersin Ergogan o encargado de impartir unha conferencia sobre a arbitraxe comercial e marítima. Na última semana de abril terán lugar as dúas derradeiras sesións. O día 28 será Francisco Fernández Sasiaín, director de operacións de Progeco Vigo SA o encargado de impartir un taller sobre operacións de comercio internacional con transporte marítimo de contedores, no que se analizará unha operación das características descritas, formulando un caso práctico ao fío da mesma. O ciclo rematará o 29 de abril cunha visita guiada ao Porto de Vigo a partir das 07.00 horas da mañá para coñecer a lonxa e o proceso de poxa, o porto comercial de Guixar e a terminal de Bouzas.

As conferencias e seminarios celebraranse na aula A1 da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo e todas serán de libre acceso e gratuítas para calquera persoa interesada. No que se refire á visita ao Porto de Vigo terá prioridade o alumnado da materia optativa Dereito Marítimo. Non obstante son actividades abertas a calquera persoa pertencente á comunidade universitaria. Para a mesma será necesaria inscrición.