DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os catedráticos da UVigo recibiron na noite deste xoves as Medallas de Investigación 2020

A ciencia galega recoñece o traballo de Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa

O presidente da RAGC reclamou neste acto un Pacto pola Ciencia en Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 09/10/2020

A ciencia ao servizo da sociedade e das súas necesidades e problemas. Unha ciencia que en tempos de pandemia foi quen de contribuír dende Galicia á resposta global ante a covid-19. Esa é a ciencia que se puxo en valor na noite de onte xoves no acto de entrega das Medallas de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias. O acto celébrase coincidindo co Día da Ciencia en Galicia e no seu transcurso recibiron as súas distincións os catedráticos da UVigo Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa.

Estes galardóns da RACG recoñecen a traxectoria consolidada de cinco científicos galegos e, nesta ocasión, recaeron no catedrático Jesús Simal Gándara, responsable do Grupo de Investigacións Agro- Ambientais e Alimentarias, na sección de Química e Xeoloxía (Medalla Antonio Casares Rodríguez), mentres que na sección de Ciencias Técnicas, a Medalla Isidro Parga Pondal foi para o tamén catedrático da UVigo e coordinador do Grupo Encomat (Enxeñaría de Corrosión e Materiais) Xosé Ramón Nóvoa Rodríguez. Pola súa banda, os investigadores da USC Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, recibiron as medallas das seccións de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Ciencias Económicas e Sociais e Bioloxía e Ciencias da Saúde, respectivamente.

No transcurso do acto tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, tamén con representación da Universidade de Vigo, xa que unha das mencións honoríficas foi para o enxeñeiro Jesús Balado, do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas.

Por un Pacto pola Ciencia en Galicia

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio, aproveitou este acto para demandar un Pacto pola Ciencia en Galicia, iniciativa impulsada pola RAGC e apoiada pola Xunta de Galicia para dinamizar o modelo socioeconómico do futuro. Rodicio ofreceu a colaboración da institución para a súa concepción e mostrou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo por parte dos axentes políticos e académicos de Galicia a recomendación realizada pola RAGC de establecer un programa forte para a atracción e retención estable de talento investigador en Galicia. Segundo lembrou Lema, estas recomendacións partiron do informe da RAGC sobre a evolución da produción científica galega e das posteriores reunións con investigadores e cos responsables das tres universidades e dos centros do Consello Superior de Investigacións (CSIC) en Galicia.

Durante a súa intervención no acto académico do Día da Ciencia en Galicia, o presidente da RAGC destacou tamén a resposta rápida e eficaz dos investigadores e investigadoras de Galicia ante a crise da covid-19. Entre os numerosos avances protagonizados por equipos científicos galegos para contribuír á resposta global ante a pandemia, Lema mencionou o deseño e desenvolvemento de vacinas, o estudo da
dependencia entre a infectividade e o xenoma, modelos preditivos da evolución de contaxio, técnicas de detección precoz mediante a análise das augas residuais e novos procedementos de desinfección e detección.

O acto, celebrado no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, estivo presidido por Lema e polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Asistiron, entre outras personalidades, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e o coordinador do CSIC en Galicia, Antonio de Ron.