DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesores Miguel Ángel Nombela, Pío González e Ana Ulla protagonizan tres dos doce capítulos

A ciencia e a investigación dan o salto a TVE2 coa serie 'Universo Sostenible'

Emítese cada mércores dentro do espazo ‘La aventura del saber’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/10/2018

O impacto do cambio climático nas praias, a nanotecnoloxía e o coñecemento do universo. Estas son as tres achegas da Universidade de Vigo á serie Universo Sostenible, un espazo audiovisual semanal impulsado pola CRUE, en colaboración con Fecyt e Microsoft que emite a segunda canle de TVE. Este martes tivo lugar en Madrid a presentación da primeira temporada, da que xa se estrearon os seis primeiros capítulos, entre eles o protagonizado polo profesor Miguel Ángel Nombela.  

Universo Sostenible trata de expor as principais liñas de investigación sobre temas de grande interese social a través de espazos audiovisuais de 10 minutos de duración, no que o persoal investigador da comunidade científica universitaria española responde de maneira breve e sinxela ao plantexamento dunha cuestión emerxente en eidos como a historia, a evolución, as investigacións relacionadas e as posibles solucións de futuro. A primeira temporada está composta por 12 capítulos, tres dos cales están protagonizados por investigadores da Universidade de Vigo. Mentres Nombela achega ao público un posible futuro sen praias como consecuencia da acción humana e do cambio climático, Pío González explicará noutro episodio as innovacións no eido da nanotecnoloxías e Ana Ulla abordará a estrutura, composición e evolución dos astros. Na segunda temporada, que xa se está a preparar, participarán outras tres investigadoras da Universidade de Vigo: África Gonzalez, que afondará nas vacinas e os perigos da pseudociencia; Bea Comendador, nun capítulo sobre historia e evolución e Lola Dopico, que falará sobre creatividade e tecnoloxía. 

Achegar a ciencia á sociedade

A temática dos diferentes capítulos xurde das propias universidades, a través das suxestións dos departamentos interesados en divulgar un campo de traballo innovador, un achado ou un desenvolvemento tecnolóxico. Trátase así de “estreitar a relación da sociedade coa comunidade científica, para mellorar non só a proxección das universidades, senón tamén incrementar o nivel de coñecemento e competencia da sociedade”, explicaba Miquel Francés, presidente do Grupo de Traballo de Audiovisuais de Crue. Ao mesmo tempo, búscase amosar o esforzo realizado polo sistema universitario para xerar unha investigación punteira ao servizo da sociedade, así como poñer en valor o importante retorno que esta ten en termos económicos, sociais e de coñecemento.

No acto de presentación Roberto Fernández, presidente da CRUE, laiouse de que "a ciencia teña unha cabida tan pequena" na televisión en España e por iso valorou positivamente o feito de que TVE teña "sensibilidade" para ofrecer á cidadanía un coñecemento do que é "a realidade natural da vida ou da sociedade", para que a cidadanía poida ter unha opinión "moito máis libre, crítica e rigorosa”. Neste sentido, remarcou o papel crucial que xogan os divulgadores científicos, polo que “non estaría mal abordar na universidade un Grao en Divulgación Científica”. Pola súa banda, o secretario xeral de Universidades, José Manuel Pingarrón, destacou que "para ser culto non basta con saber de música, literatura ou historia, que tamén, senón que ademais hai que saber de ciencia; hai que ser culto cientificamente". Á presentación asistiu tamén o produtor executivo de La Aventura del Saber, Javier González.

Da man de La aventura del saber

Universo Sostenible emítese cada mércores a partir das 10.00 horas dentro do espazo La aventura del saber, programa diario matinal destinado á formación educativa e á divulgación científica, con máis de 25 anos de emisión. Dende a CRUE explican que se trata dun formato audiovisual cross-media que contribuirá a amosar a actividade universitaria de forma “áxil, dinámica e participativa” a través de diferentes plataformas de distribución de contido (televisión, internet, radio, tablet…). O proxecto é o resultado dunha coprodución dos servizos audiovisuais de 27 universidades coordinadas polo grupo de traballo en Contidos Audiovisuais e Multimedia de Crue Comunicación das Universidades Españolas. Estas cápsulas concentradas de coñecemento están orientadas a un público amplo, dende estudantes universitarios de grao e doutoramento, a docentes e investigadores, estudantes de secundaria “buscando espertar vocacións científicas” e docentes en xeral que poden atopar neste vídeos “un gran recurso pedagóxico en diferentes materias”. 

De praia, nanotecnoloxía e astrofísica

Outros temas que se tratan na primeira temporada son a seguridade na rede, a accesibilidade, o cancro, a alimentación, o cambio climático, os materiais, o Alzhéimer, a importancia da práctica do deporte ou as medidas para acabar co acoso. O primeiro dos capítulos protagonizados por investigadores da Universidade de Vigo foi emitido o 3 de outubro e nel Miguel Ángel Nombela, decano da Facultade de Ciencias do Mar, xunto con científicos doutras universidades, explican como o clima foi evolucionado ao longo da historia, pero incide en que nos últimos anos produciuse unha aceleración como consecuencia da intervención do ser humano. Entre outros temas abórdase a posibilidade dun futuro sen praias, como consecuencia do impacto do turismo e o crecemento urbanístico sobre o litoral, ao tempo que tamén se presentan posibles solucións. Nombela destaca neste sentido a necesidade de protexer os areais, por ser un medio natural que actúa como “primeira barreira defensa natural ante o ascenso do nivel do mar e o incremento da intensidade e frecuencia das tormentas”.

Mañá mércores estréase un novo capítulo con selo UVigo, desta volta co profesor Pío González, do Departamento de Física Aplicada, que explicará como a nanotecnoloxía permite traballar e manipular estruturas moleculares e átomos a unha escala moi pequena pero obtendo grandes resultados en campos como a nanofarmacia ou a nanomedicina. Nesta primeira temporada a presenza da Universidade de Vigo complétaa a profesora Ana Ulla, o 24 deste mes, nunha pílula titulada ¿Cuánto brillan las estrellas?