DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves celebrou unha xornada sobre o Prácticum

Ciencias da Educación debate sobre como mellorar a formación das e dos futuros docentes

Nela participaron 53 titores e titoras externas e 20 desta facultade

Etiquetas
  • PDI
  • Ourense
  • Calidade
  • Académica
DUVI Ourense 28/09/2018

A Facultade de Ciencias da Educación acolleu na tarde do xoves unha xornada que tivo como obxectivo buscar a mellora da formación das e dos futuros docentes que se forman nas súas aulas, afondando neste caso nas prácticas externas obrigatorias. Na cita participaron 20 titores e titoras de Prácticum da facultade e 53 externos procedentes de 22 centros educativos nos que o alumnado de Educación Infantil e Primaria do campus realiza as súas prácticas.     

O Prácticum, recalcouse no seminario, “é un compoñente esencial na formación  de mestres e mestras e cobra especial relevancia nos novos plans de estudos”. Así, salientou Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, hai un aumento do peso desta materia (48 créditos) ata conformar aproximadamente o 20% do título, incremento, que, indicou, “supón un grande avance, dende a consciencia da importancia da formación recibida nas aulas pero tamén da necesidade dun coñecemento aplicado no campo profesional  para conseguir unha formación integral e capacitación para a futura inserción no mercado laboral”.

Titorizar o Prácticum, subliñou Mar García, “é unha cuestión de gran relevancia académica e de especial responsabilidade cando se trata da formación inicial das e dos futuros docentes”. Deste xeito, recalcouse na xornada, resulta necesario pór en común as diversas concepcións existentes sobre esta materia; coordinar cuestións organizativas e académicas; analizar as problemáticas; compartir e debater aspectos de interese e artellar recursos e momentos que posibiliten a colaboración entre as titoras e titores académicos e as titoras e titores externos. Neste contexto, o obxectivo deste encontro celebrado este xoves no campus foi “poder construír pontes, unir sinerxías na construción dun proxecto integrado común para un Prácticum innovador e de calidade, que dea respostas aos retos educativos actuais”.