DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto celebrado na tarde deste xoves no Pazo da Cultura

Ciencias da Educación e do Deporte gradúa 222 novos e novas profesionais

Integran ás sétimas promocións dos tres graos da facultade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/06/2019

Arroupados por docentes e familiares, que encheron o auditorio do Pazo da Cultura, os 222 novos titulados e tituladas que integran as sétimas promocións dos tres graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte celebraron na tarde deste xoves o fin dunha etapa formativa. Nun acto que completou a actuación do Coro do Campus de Pontevedra, os novos graduados e graduadas recibiron as verbas de recoñecemento do reitor, Manuel Reigosa; o alcalde en funcións de Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus, Jorge Soto; o decano da facultade, Vicente Romo; o presidente do Colef Galicia, Henrique Xoán Rodríguez; a inspectora de Educación da Xunta de Galicia Adoración de la Fuente e a directora do Departamento de  Didácticas Especiais da Universidade, Marián Fernández Villarino.

Concretamente, recolleron neste acto as súas bandas e diplomas 83 novos graduados e graduadas en Ciencias da Educación e do Deporte, que tiveron como padriño ao catedrático Carlos Lago; 81 novas tituladas e titulados en Educación Infantil, promoción que tivo como padriño ao profesor Roberto Barcala; e 58 graduadas e graduadas en Educacion Primaria, co integrande do persoal de administración e servizos Francisco Pena como padriño. 

“Confiamos no que o paso polas aulas da nosa facultade contribuíra non só a vosa formación como excelentes profesionais, senón tamén ao desenvolvemento dun compromiso crítico e ético, que é o que esta sociedade do século XXI espera de vós”, salientou aos novos titulados e tituladas Vicente Romo, quen tamén incidiu no importante papel que debe xogar a educación diante dos retos aos que se enfronta a humanidade e na importancia da actividade física e do deporte como “un dos fenómenos sociais máis importantes deste principio de século”. Xunto ás autoridades e padriño, o acto contou coas intervencións de Candela Alonso, Francisco Javier Barros, Rebeca Otero, Gabriel Freigenedo, Sonia Rodríguez e María del Carmen Troitiño en representación das novas promocións de graduados e graduadas.