DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibiu un grupo de 75 estudantes de institutos de Vigo e Baiona

Ciencias Experimentais abre as súas portas ao alumnado de ensino secundario

As tres facultades do centro presentáronlles os seus graos e fixeron demostracións no laboratorio

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Visitas
  • Visitas
DUVI 18/06/2019

Nunha semana na que a Universidade de Vigo abre as súas portas ao alumnado de ensino secundario e ás súas familias, as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química recibiron este martes a visita dun grupo de 75 alumnas e alumnos de 4º da ESO do Instituto Rosalía de Castro de Vigo e de 1º de Bacharelato do IES 1º de Marzo de Baiona.

A visita, que se levou a cabo baixo o lema Científicate!, consistiu nunha presentación das tres titulacións que se imparten neste edificio e que correu a cargo dos seus respectivos decanos: Jesús Míguez, de Bioloxía; Miguel Ángel Nombela, de Ciencias do Mar, e Ignacio Pérez Juste, de Química. Despois dun pequeno descanso para merendar, o alumnado participante dividiuse en tres grupos para, un a un, ir pasando por diferentes laboratorios nos que tiveron a oportunidade de participar en experimentos relacionados coa bioloxía, a química e os sedimentos mariños.