DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto europeo buscará mellorar a xestión unificada dos principais biobancos mariños de Europa

O CIM-UVigo lidera o relanzamento do European Blue Biobank cun financiamento de máis 330.000 euros

Este martes celebrouse en Vigo a reunión inicial coa participación dos socios 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
DUVI 31/01/2023

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lidera o relanzamento do proxecto European Blue Biobank (EBB), cun financiamento de máis de 330.000 euros, co obxectivo de mellorar a coordinación transnacional dos principais biobancos e colección de cultivos mariños europeos, coa capitalización dos resultados obtidos na primeira etapa. Concretamente, realizaranse obradoiros de criopreservación e para a implementación da normativa de Access and Benefit Sharing (ABS), ou eventos de difusión enfocados nos potenciais usuarios dos biobancos. Ademais, o proxecto incorpora dous novos socios: a sede de Infraestructura de Investigación Europea EMBRC-ERIC (European Marine Biological Resource Centre) en Francia e o Banco Español de Algas de la Universidad de las Palmas de Gran Canaria.

Este martes celebrouse no edificio Redeiras da UVigo a reunión de relanzamento do proxecto, na que participaron representantes de EMBRC-ERIC, o Banco Español de Algas da Universidad de las Palmas de Gran Canaria, a Estación Biolóxica de Roscoff da Universidade da Sorbona, a Estación Marina de Plentzia da Universidad del País Vasco, a Universidade de Galway, o clúster Bretón Pole Mer e do biobanco mariño noruego Marbank. Na xuntanza, púxose en común a estratexia de traballo para os vindeiros meses para acadar os obxectivos desta segunda etapa, que virán a completar os obtidos na primeira e que consistiron na creación dunha base de datos, un catálogo en liña para a busca de recursos biolóxicos mariños, unha ferramenta para xestionar os datos de mostraxes, un manual de boas prácticas e unha guía de cumprimento da lexislación ABS. 

O investigador principal do proxecto e director da Ecimat, José Manuel García, destacou ao respecto que “con esta extensión estamos afianzando o legado que o proxecto EBB deixou dentro da estrutura EMBRC, polo que os resultados e produtos xerados terán unha vida máis longa para continuar apoiando o persoal investigador na adopción de boas prácticas e na creación de conciencia sobre as regulacións sobre acceso a recursos xenéticos”. García ademais, mostrouse moi orgulloso de que o CIM liderase este proxecto e continúe á cabeza desta nova etapa, como exemplo do “compromiso do centro coa excelencia no ámbito nacional e europeo, apostando pola transferencia de coñecemento aos sectores produtivos e á administración, fortalecendo ao tempo colaboracións internacionais que nos fan mellores”. 

Primeira iniciativa mundial de coordinación transnacional de biobancos mariños

O proxecto EBB comezou a súa andaina en 2017, cun orzamento de 1.5 millóns de euros, converténdose no primeiro proxecto financiado pola convocatoria Interreg Atlantic Area liderado pola Universidade de Vigo. A principal misión do consorcio era sentar as bases para unha xestión unificada dos principais biobancos mariños de Europa e avanzar na xestión acorde á normativa vixente de Access & Benefit Sharing (ABS) e as regulacións derivadas do Protocolo de Nagoya. 

Con este obxectivo, o CIM coordinou o traballo desenvolvido por 20 socios de seis países diferentes, entres eles, os que contan coas principais coleccións de cultivos mariños mundiais situadas en Noruega, Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal; catro clústeres de biotecnoloxía mariña de España, Francia, Portugal e Reino Unido; tres empresas con actividade no campo da biotecnoloxía mariña e as administracións competentes en España, Portugal e Reino Unido en materia de acceso aos recursos xenéticos.

O proxecto consolidouse como a primeira iniciativa mundial de coordinación transnacional de biobancos mariños, respondendo a unha demanda da comunidade científica que, para desenvolver o seu traballo, precisa recoller mostras en todo o mundo ou ben solicitar préstamos de museos, universidades ou estacións mariñas. Un proceso que pode resultar complexo, xa que cada país ten as súas propias regras e protocolos, e de onde xorde a necesidade de desenvolver novas tecnoloxías e protocolos comúns para o mantemento ex-situ, é dicir, fóra dos seus ambientes naturais, de recursos biolóxicos mariños e de harmonizar os xa existentes, para que os diferentes biobancos traballen de maneira coordinada baixo o selo de Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños.