DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con actividades divulgativas no campus e na cidade de Vigo, que mañá sábado se trasladan a Ourense

O Cinbio abre as súas portas a cativos e maiores

A vindeira fin de semana a cidadanía poderá visitar os laboratorios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Visitas
DUVI 19/10/2018

Ver o ADN dos chícharos, analizar órganos de animais e tinguilos para poder velos no microscopio ou coñecer pautas básicas para unha nutrición saudable... Estes son algúns dos experimentos que unha vintena de rapaces e rapazas de 6º de Primaria do CEIP García Barbón realizaron ao longo da mañá deste venres no marco da xornada Un día no Cinbio. Trátase dunha iniciativa que ten como finalidade visibilizar o papel deste centro como polo de desenvolvemento biosanitario para mellorar a saúde da cidadanía e, ao mesmo tempo, transmitir os valores igualitarios entre o alumnado de primaria e fomentar a normalización e visualización do papel da muller na ciencia. Ademais, coincidindo no tempo con este evento, na tarde deste venres o Cinbio arrancas coas actividades do programa Divulgando Ciencia Singular, cunha carpa informativa na rúa do Príncipe para dar a coñecer á cidadanía as tarefas que se desenvolven nos seus laboratorios.

20 nenos e nenas entre microscopios, vacinas e ADN

A xornada Un día no Cinbio fixo posible que unha vintena de rapazas e rapaces coñecesen de primeira man o traballo que se realiza nos laboratorios do centro de investigacións biomédicas. A súa directora, a catedrática África González, foi a encargada de darlles a benvida, e explicoulles que o equipo conta cunha elevada presenza de mulleres profesionais das áreas STEM, ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas e, feito, dos 225 profesionais que traballan nel, o 54% son mulleres. 

Tras esta charla, os nenos e nenas dividíronse en pequenos grupos para participar en obradoiros prácticos de diferentes temáticas, por exemplo, de histoloxía e microscopía, no que aprenderon a tinguir mostras orgánicas para poder analizalas no microscopio. Outro dos talleres centrouse na inmunoloxía, para amosarlles como funciona o sistema inmunitario e a resposta das vacinas. Tamén puideron traballar en temas relacionados con nutrición e elaboraron un almorzo saudable e no obradoiro de citometría analizaron o ADN dos chícharos. Finalmente, realizaron un experimento, baseado na química coloidal, grazas ao cal fabricaron nanopartículas de ouro.

 

Divulgando Ciencia Singular

A outra das patas desta xornada de difusión científica é o programa Divulgando Ciencia Singular, que ten como finalidade dar a coñecer o labor científico que desenvolven os centros singulares de investigación da Universidade de Vigo. Baixo este paraugas, o Cinbio achégase ao longo da fin de semana ás cidades de Vigo e Ourense, coa instalación de carpas informativas para amosar o traballo que realiza o Cinbio no eido da investigación biomédica, hoxe venres na rúa do Príncipe e mañá sábado no Paseo de Ourense (de 10.30 h a 13.30 h). Trátase de que as persoas que se acheguen poidan coñecer como, con que finalidade e con que medios traballa a comunidade investigadora do Cinbio. 

Esta acción completarase cunha xornada de portas abertas nas instalacións de Cinbio no campus vigués o venres 26 de outubro de 16.30 a 20.00 horas e outra o día 27 no Politécnico de Ourense, de 10.30 a 13.00 horas. Divididos en grupos, os participantes irán coñecendo as instalacións, participando en obradoiros e asistindo a charlas. No caso de Vigo desenvolverase un taller titulado As túas células e os seus xenes, relacionado con Single Cell sequencin; outro sobre preparación de nanopartículas de ouro, relacionado con coloides e unha charla sobre arquitectos moleculares, relacionada coa Química Orgánica e outra sobre medicina e saúde, relacionada coa apnea do sono dende o eido da bioestatística e en colaboración co Sergas.

Na xornada de portas abertas de Ourense, o día 27, os asistentes poderán participar nun obradoiro sobre biomoléculas activas, que se centrará nos prebióticos e antioxidantes e nunha charla sobre intelixencia artificial no ámbito sanitario, a cargo do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración, SING.

Para as sesións de portas abertas é preciso inscrición, que se pode realizar na web de Divulgando Ciencia Singular. O programa complétase coa participación de atlanTTic, que amosará os seus segredos ao público o 9 de novembro.