DUVI

Diario da Universidade de Vigo

15 curtas foron seleccionadas polo xurado do festival promovido pola Universidad de Córdoba

Cinco estudantes de CCSS e da Comunicación, finalistas do certame universitario Suroscopia

Optarán aos premios das categorías de documental e ficción

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/03/2020

Estudantes de diferentes universidades españolas e de América Latina presentan cada ano as súas curtametraxes ao Certamen Universitario de Creación Audiovisual Suroscopia, unha iniciativa impulsada en 2011 pola Universidad de Córdoba co obxectivo xerar unha rede internacional de creadores audiovisuais procedentes de diferentes universidades. 15 destes creadores e creadoras participarán a vindeira semana no seminario formativo que se celebrará no Centro de Creación Contemporánea de Andalucía no marco da programación deste festival, despois de que as súas curtas fosen seleccionadas polo xurado como finalistas da novena edición do certame. Entre eles, estarán cinco estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Laura Guizán, Santiago Pascual, Pedro Vilas, Cristina Yáñez e Miguel Gómez Abad.

“Ser seleccionada no Suroscopia é unha grande honra e unha grande oportunidade para darlle visibilidade a nosa curta e ao que intentamos transmitir con ela”, salienta Yañez, unha das cinco finalistas na categoría de ficción, xunto ao tamén estudante de Comunicación Audiovisual Pedro Vilas, que foi ademais director de fotografía da curta de Yañez. “Isto indica que efectivamente na Universidade de Vigo hai canteira e, sobre todo, gañas de contar historias”, engade este alumno referíndose tamén á selección de Pascual e Guizán na categoría de documental. “Creo que Suroscopia é unha moi boa oportunidade para dar a coñecer os proxectos audiovisuais que facemos ao longo da carreira e conseguir que profesionais especializados do sector o valoren”, engade nese mesmo senso Pascual. Como finalistas, as súas curtas formarán parte, en abril, dun ciclo da Filmoteca de Andalucía, e os seus directores e directoras participarán, xunto aos gañadores dos premios do público de Suroscopia, no seminario que completa a programación do festival. Deste xeito, como salienta Guizán, á oportunidade de dar a coñecer os seus traballos súmase o “premio de aprender das persoas, tanto dos finalistas como das personalidades, que alí acudan”.

Curtas que naceron como un traballo académico

Na categoría de ficción, que na anterior edición do festival recoñeceu co primeiro premio a curta Estatus, do tamén alumno da facultade pontevedresa Ricardo Araújo, Cristina Yañez foi seleccionada por Na memoria da túa esposa, unha curta que centrou “nesa xeración de mulleres anciás que dedicou a súa vida ao seu marido e fillos, esquecéndose de si mesmas”. Baseada na historia da súa avoa, a curta, coa que busca abordar tamén “o abandono do rural galego”, xa formara parte das seleccións de diferentes festivais e fora recoñecida, o pasado ano, co primeiro premio no concurso de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo e co segundo premio CurtasoPrima das Xociviga do Carballiño.

O primeiro premio das Xociviga nesa modalidade e o segundo no certame da Universidade foron precisamente para A ningunha parte, a peza coa que Vilas proclamouse finalista de Suroscopia. Trátase, explica, dunha “curtametraxe narrativa inspirada en feitos reais, que conta a historia de Carla, unha rapaza de 21 anos que sae unha noite de festa coa súa mellor amiga e se enfronta a unha situación complicada, na que a súa intervención é crucial”. Nacida como un traballo para unha materia, “e da necesidade de plasmar determinadas situacións ás que se enfrontan actualmente” moitas mulleres novas, Vilas buscou nesta curta reflectir unha historia de “empatía, de determinación e de valentía”. Así mesmo, na categoría de ficción, tamén foi seleccionado o estudante de Comunicación Audiovisual Miguel Gómez Abad, pola súa curta Ti tamén.

Na modalidade de documental, a Universidade de Vigo estará tamén representada por partida dobre. Por unha banda, con Cuncas, de Laura Guizán, un “proxecto moi persoal” co que esta alumna buscaba “achegar a realidade dos meus avós á xente”. A curta céntrase na traxectoria no bar Os Penedos de Vigo, a taberna que rexentan os seus avós e pola que, explica, desde os seus comezos na década de 1980, pasaron “moitas personalidades da política e da movida viguesa”. A curta, que busca “sobre todo retratar aos meus avós e a súa experiencia”, naceu como un traballo académico para a materia Teoría e Técnica do Documental, ao igual que El ciclo, de Santiago Pascual. “Trátase dunha curtametraxe documental de tipo observacional que segue o percorrido do peixe desde a súa captura ata que é servido na mesa dun restaurante”, apunta este alumno, que xunto a Guizán, Aurora Orts, Maite Aznar e Pablo Sánchez, optará ao premio na modalidade de documental dun certame que se completa coa categoría de videoarte.