DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Emprego e Emprendemento oferta a próxima semana un curso modular

Cinco obradoiros para EMPREGarte

Destinados a alumnado e persoas recentemente tituladas da UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 11/06/2021

Como e onde buscar traballo; a carta de presentación e o currículo vitae; o traballo en Europa e o proceso de selección, son algunhas da cuestións que entre os días 16 e 18 de xuño se tratarán nos cinco obradoiros gratuítos que ofrece a Área de Emprego e Emprendemento ao alumnado, así como a recén tituladas e titulados da Universidade de Vigo. Cinco obradoiros gratuítos, de dúas horas presenciais e 3,5 non presenciais de duración cada un, compoñen o curso modular EMPREGarte, polo que as persoas participantes poderán acadar un recoñecemento en créditos ECTS. O alumnado e as persoas egresadas poden inscribirse ata o luns 14 ás 23.59 horas, ben, na totalidade dos obradoiros ou só naqueles que lles resulten interesantes.

O salón de actos da Escola Universitaria de Estudos Empresarias acollerá a celebración destes obradoiros cos que a Área de Emprego e Emprendemento reforza a súa aposta pola empregabilidade de estudantes e persoas recentemente tituladas nun contexto de pandemia, “no que as empresas van necesitar máis que nunca talento humano que lles axude a superar a delicada situación actual de adaptarse ás necesidades futuras”, sinalan desde a organización. 

Os obradoiros polo miúdo 

Partindo da idea de que a proactividade da persoa candidata a un posto de traballo, así como o seu coñecemento das súas fortalezas e debilidades e a adecuación ás demandas do mercado laboral, son claves á hora de atopar un emprego, a Área de Emprego e Emprendemento deseñou un curso modular que comezará o día 16 con dous obradoiros obradoiro titulados Coñécete a ti mesmo/a: o teu proxecto profesional e Como e onde buscar traballo. Ao día seguinte, desenvolveranse as sesións Carta de presentación e currículo vitae e O proceso de selección: test psicotécnico, dinámicas de grupo e entrevistas de selección e o curso rematará o ventes 18 co obradoiro Traballar en Europa. Un dereito/ Unha oportunidade.