DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso de Advanced Trading volve á presencialidade na Facultade de CC Económicas e Empresariais

Cinco tardes de venres para pórse ao día coas oportunidades de investimento das criptomoedas

Aberto ao público en xeral e con matrícula aberta, as clases arrancarán o 18 de febreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 21/01/2022

Nos últimos anos non para de medrar o interese polas moedas dixitais, popularmente coñecidas como criptomoedas, activos dixitais que empregan métodos de criptografía para asegurar as transaccións no mercado dixital. Conscientes do interese que esperta esta temática, tanto na comunidade universitaria como no público en xeral, a nova edición do curso de formación universitaria en  Advanced Trading, dirixido polos profesores Jorge Vila e José Luis Saez Ocejo, centrará boa parte dos seus contidos en “analizar as oportunidades de investimento con criptomoedas e en como se pode obter delas unha renda estable similar a dunha imposición a prazo fixo”.

O curso, aberto ao público en xeral e co prazo de matrícula aberto, componse de 32 horas lectivas divididas en cinco tardes de venres, de 16.00 a 21.00 horas, desde o 18 de febreiro ao 18 de marzo de xeito presencial na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Ao igual que nas anteriores edicións -esta é xa a quinta- o programa comprende tanto charlas-conferencias como sesións prácticas, apoiándose sempre no  uso das novas tecnoloxías, coa finalidade de “transmitir coñecementos e experiencias para que as persoas participantes adquiran a súa forma personalizada de facer trading”.

Empregarase un simulador para realizar operacións ficticias

Complementario ao curso de Introdución á bolsa, impartido na EU de Estudos Empresariais, este obradoiro tratará de familiarizar aos asistentes cos múltiples criterios de selección de investimentos en diferentes produtos financeiros en base ás modulacións das posibles flutuacións da bolsa, tanto das posibles cotizacións que alcanzaran os distintos valores como de cales son as estratexias máis favorables para conseguir a maior rendibilidade. Para logralo botarase man dun simulador que lle permita ao estudantado realizar operacións de compra e venda de valores ficticias a través dun software profesional de trading nunha entidade financeira e en tempo real con diñeiro ficticio, en base á súa aproximación á realidade.

Matrícula de balde para o gañador da Competición en Bolsa

As persoas interesadas en inscribirse no curso teñen de prazo para facelo ata as 14.00 horas do propio 18 de febreiro. O prezo da matrícula para o público en xeral é de 111 euros, 100 para a comunidade alumni e 94 para a comunidade universitaria e as persoas que se atopen en situación de desemprego.

O único que terá a posibilidade de facer o curso totalmente de balde é o gañador da Competición de bolsa, organizada tamén polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade baixo a dirección do profesor Jorge Vila Biglieri o pasado mes de novembro. Participaron 16 aspirantes a corredoras ou corredores de bolsa, unha das profesións máis demandadas e mellor pagadas que existen, e durante cinco días tentaron sacar o máximo rendemento a unha carteira ficticia dun millón de dólares que podían investir en múltiples mercados e produtos. O primeiro premio foi para ‘Palermo’, alumno da anterior edición deste curso de Trading, quen foi capaz de conseguir un beneficio superior aos 30.000 euros (incremento do 3,35% do investimento inicial), o que agora lle dá acceso a realizar esta nova edición do curso de Trading de xeito totalmente gratuíto.

Contarán tamén cun desconto do 50% no prezo total da matrícula o segundo e terceiro clasificado da competición, ‘Gusi’ e ‘Almu’, estudantes de IESIDE, Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa, vinculado a Abanca.