DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Proxectaranse seis producións internacionais ata o mes de xuño

O cine documental volve da man de 'Docs del mes'

A iniciativa xorde da colaboración da Vicerreitoría do Campus e o Cineclube Padre Feijóo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
DUVI Ourense 14/01/2020

Da man da iniciativa Docs del mes e da colaboración entre a Vicerreitoría do Campus e o Cineclube Padre Feijóo, o cine documental volve este mes á programación cultural da cidade de Ourense e faino para quedarse ata o mes de xuño. Nesta ocasión serán seis as producións que poderán ver as e os espectadores ourensáns, comezando o día 30 xaneiro con Los testigos de Putin.  

O pasado curso académico, o campus de Ourense, ao igual que os demais campus da Universidade de Vigo, uniuse á iniciativa Docs del mes, que ten como obxectivo achegar o cine documental ao máximo número de espectadoras e espectadores e abrilo a novos públicos proxectando documentais internacionais, de calidade e de temática e procedencia diversa. A súa actividade desenvólvese en máis de 70 salas de España e América Latina baixo a produción da compañía Parallel 40. “Retomamos a actividade de Docs del mes neste neste 2020 co obxectivo de consolidala, pois cada vez ten unha mellor resposta de público”, sinala Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense. Con entrada libre ata completar aforo e proxeccións en versión orixinal con subtítulos en castelán, no caso de Ourense os documentais pódense verse na sala do Cineclube Padre Feijóo nas instalacións da que ata hai pouco era a Biblioteca Pública de Ourense, na rúa Concello.  

De Putin aos campos de refuxiados

A primeira proxección, o día 30 xaneiro, traerá ás e aos espectadores ourensáns Los testigos de Putin, un documental no que Vitaly Mansky relata o ascenso ao poder do presidente ruso a través dun filme no que reúne tanto os testemuños do que fora secretario xeral da Unión Soviética, Mijáil Gorbachov, do ex-presidente Boris Yeltsin ou do propio Putin, como imaxes do propio arquivo persoal do cineasta. O luns 27 de febreiro, o ciclo continuará con Chris el suizo, un documental no que a directora Anja Kofmel aborda a morte do seu primo, o xornalista Christian Wütemberg, na guerra dos Balcáns. Premiada en diferentes festivais, a produción busca reconstruír os últimos meses de vida de Wütemberg, atopado morto en Croacia en 1992 despois de que entrase a formar parte dun grupo paramilitar. O 26 de marzo proxectarase Cachada, un documental no que Marlén Viñayo presenta a historia de cinco vendedoras ambulantes de El Salvador que deciden fundar unha pequena compañía e crear unha obra na que relatan as súas experiencias vitais.

Xa en abril, o mércores 30, poderá verse Honeyland, de Ljubomir Stefanov e Tamara Kotevska, un filme que, entre outros recoñecementos, foi precandidata aos Óscar á mellor película estranxeira. O documental narra a historia de Hatidze Muratova, que se dedica a criar colonias de abellas nunha remota rexión montañosa dos Balcáns e os cambios que para a súa forma de vida supuxo a chegada á zona dunha familia nómade. En maio, o día 28, a produción protagonista será Tiny souls, de  Dina Naser, que se centra na vida cotiá da pequena Marwa nun campo de refuxiados desde que fuxiu coa súa familia de Siria, recollendo como o paso da nenez á vida adulta levará Marwa a afrontar novos retos para sobrevivir nunha contorna onde, a pesar de todo, a vida continúa. Por último, a programación rematará o 11 xuño co documental gañador da próxima próxima edición do festival DocsBarcelona, aínda por celebrar.