DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación arranca coa obra 'El secreto del doctor Grinberg'

O cine documental volve da man de Docs del Mes

As persoas interesadas poden inscribirse para ver on-line cada proxección

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 14/09/2022

Cada curso académico, o campus de Ourense participa na iniciativa Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve de xeito paralelo en preto de 70 cidades de toda España. Neste primeiro cuadrimestre serán catro as obras internacionais de temáticas moi diversas que se poderán ver de xeito virtual no marco desta iniciativa.

Segundo explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense, nesta edición mantense o visionado on-line e non presencial dos documentais. Todas aquelas persoas que desexen ver en liña cada obra, sinala, deberán remitir unha solicitude ao enderezo electrónico docs-ou@uvigo.es e enviaráselle o enlace e o código necesarios para o seu visionado na rede, que estará habilitado durante un período de tempo determinado. Este procedemento será o que se aplique cada mes para o documental correspondente.

Diversidade de temáticas

A programación arranca este mes de setembro con El secreto del doctor Grinberg. Dirixido polo director e guionista Ida Cuéllar, trátase dun documental que acumula unha decena de premios e seleccións para festivais internacionais desde a súa estrea en 2020 e que é o resultado dos sete anos que Cuéllar dedicou a investigar a desaparición, en 1994, do doutor mexicano Jacobo Grinberg, “especialista no estudo da telepatía”, segundo sinala a promotora de Docs del Mes. Neste caso, o visionado estará dispoñible para as persoas que se apunten no campus de Ourense do 12 ao 26 de setembro.

Na segunda quincena de outubro proxectarase Rebellion, documental no que as directoras Maia Kenworthy e Elena Sánchez Bellot afondan nas orixes de Extinction Rebellion, “un grupo de acción directa contra o cambio climático”, como destacan desde a empresa promotora deste ciclo de cinema. “O movemento ecoloxista viu como no 2018 emerxía un novo colectivo que apostaba pola acción directa e a desobediencia civil”, salientan deste movemento, cuxas orixes e evolución amósanse por primeira vez nun documental seleccionado para unha decena de festivais e que neste 2022 protagonizou a proxección inaugural do festival de cine Human Rights Watch de Nova York. Un mes máis tarde, a finais de novembro, poderá verse Querida Sara, o primeiro documental da barcelonesa Patricia Franquesa, que se presenta como “un emotivo retrato de Sara, a primeira taxista de Afganistán, unha muller poderosa que rompe as barreiras patriarcais”, á vez que como “un testemuño dunha realidade que xa non existe”. Finalmente, Docs del Mes pechará a súa programación de 2022 en decembro con Karaoke Paradise, un documental do cineasta finés Einari Paakkanen, presentado como “un percorrido por unha Finlandia escondida”, que afonda na “paixón” existente neste país polos karaokes.