DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Doce proxeccións e dous relatorios integran o ciclo de cine ‘Entre tebras’

O cinema de conspiracións súmase á programación cultural da Vicerreitoría

A proposta arrinca este venres co filme ‘Dous bos tipos’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/01/2020

A idea dun ou unha protagonista que, segundo avanza a trama, convértese no único en detectar que o que acontece ao seu redor é froito dunha conspiración constitúe un arquetipo narrativo moitas veces representado ao longo da historia do cinema. Afondar nos moitos xeitos nos que a idea de conspiración centra, dun xeito máis ou menos evidente, a trama dun filme e en como o xeito de plasmala está directamente relacionado co contexto histórico no que se insire son dous dos obxectivos de Entre tebras, o ciclo de cinema que a Vicerreitoría do campus propón para o segundo cuadrimestre. Doce proxeccións e dous relatorios integran a programación desta actividade, que arrinca este venres ás 19.00 horas coa proxección de Dous bos tipos, de Shane Black, e estenderase ata o 15 de maio.

“Se revisásemos a historia do cinema desde unha perspectiva meramente argumental, poderíamos comprobar que unha significativa cantidade de filmes estruturan o seu devir dramático formulando a posibilidade de que os seus protagonistas sexan vítimas dunha conspiración”, salienta o programador e coordinador do ciclo, Suso Novás. Con entrada libre ata completar aforo, as diferentes sesións desta actividade, que se celebrarán os venres ás 19.00 horas na sede da Vicerreitoría, presentarán filmes de diferentes xéneros e épocas, co propósito de afondar en como as ideas de “conspiración, confabulación e paranoia, forman parte da idiosincrasia e do devir da historia do cinema, especialmente do estadounidense” e para amosar tamén como este é “un cinema moi pegado aos tempos históricos nos que se produce”. 

14 citas entre xaneiro e maio

Entre tebras arrinca este venres con Dous bos tipos, de Shane Black, “unha relectura contemporánea do cinema dos anos 70”, e continuará o 31 deste mes con O misterio do medo, de Fritz Lang, “un clásico do cinema negro” que centra a súa trama nas “organizacións secretas dos nazis”, explica Novás. O 7 de febreiro proxectarase Dark City, de Alex Proyas, “un cruce entre ciencia ficción e cinema negro moi interesante”, sucedida o venres 14 por Sete días de maio, de John Frankenheimer, filme que parte “da hipótese de que existe unha conspiración para dar un golpe de estado nos EEUU en plena Guerra Fría”. Unha semana máis tarde, o venres 21, poderá verse Capricornio Un, de Peter Hyams, filme que combina a ciencia ficción e o thriller, mentres que o día 28 proxectarase Traidor no inferno, de Billy Wilder, película ambientada “nun campo de prisioneiros da Segunda Guerra Mundial e que reflexiona sobre como mudan as estruturas de poder”, explica Novás. 

Xa en marzo terán lugar as proxeccións, o día 13, do filme de terror Déixame saír, de Jordan Peele, e do “clásico do cinema negro de serie B estadounidense” O bico mortal, de Robert Aldrich, o venres 20. Á semana seguinte o ciclo acollerá a conferencia Complot e paranoia, na que Novás analizará a evolución do cinema de conspiracións, e abril arrincará o venres 3, con A última testemuña, de Alan J. Pakula, que narra “a investigación dun xornalista sobre o asasinato dun político”. O 17 de abril poderá verse Arma fatal, de Edgar Wright, mentres que o 30 dese mes exhibirase O quimérico inquilino, de Roman Polanski. Para o 8 de maio programouse o relatorio no que o crítico e profesor José Manuel López analizará o documental HyperNormalisation, de Adam Curtis, centrado na “construción dos discursos mediáticos que condicionan a nosa propia percepción da realidade” e o ciclo pecharase o 15 dese mes con O camiño de Cutler, de Ivan Passer, “unha xoia oculta do cinema negro”, apunta Novás.