DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CISUG asina os primeiros acordos transformativos coas editoriais Cambridge University Press e Oxford University Press

Para mudar o modelo de pago de licencias por “ler” ao pago por “ler e publicar en acceso aberto"

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 24/03/2021

O Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG), constituído polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña e a Xunta de Galicia, acaba de asinar os seus primeiros acordos transformativos coas editoriais Cambridge University Press e Oxford University Press. Este novo tipo de acordos con editoriais científicas van dirixidos a transformar o modelo de pago de licenzas por “ler” ao pago de licenzas por “ler e publicar” en acceso aberto. O obxectivo final de publicar os resultados da investigación científica nas universidades en modo de acceso libre é contribuír ao crecemento económico, á competitividade, á innovación, á creación de traballo e ao progreso da sociedade en xeral mediante un novo modelo de facer e difundir a ciencia. Así, ademais do acceso ás revistas do editor, inclúese o pago dos custos de procesamento de artigos ou APCs (Article Processing Charges) para aqueles autores e autoras da universidade que desexen publicar os seus traballos en acceso aberto.

Os acordos inscríbense no marco do apoio á Ciencia Aberta (Open Science) e o seu obxectivo final é acelerar a transición cara o acceso aberto (OA), facilitar o cumprimento dos requirimentos das axencias financiadoras e incrementar a visibilidade da investigación.

Publicación en acceso aberto sen custo adicional

Os dous acordos permiten dispoñer de acceso de lectura a todas as revistas de ambas as dúas editoriais, ampliando no seu caso a lista de títulos dispoñibles anteriormente, ao tempo que habilita a publicación en acceso aberto sen custo adicional cando o autor de correspondencia sexa dunha das tres universidades galegas. 

En canto á publicación, non será necesario que os investigadores paguen o importe do Article Procesing Charge para publicar os seus artigos en acceso aberto nas revistas científicas que aceptan este tipo de publicación, tanto nas revistas de acceso aberto completo (Fully Open Access) coma nas revistas que o ofrecen coma opción (Híbridas). Porén, no caso de Oxford establécese unha limitación no número de artigos incluídos no acordo, que se manterá en  vigor para artigos publicados a partir do 1 de xaneiro de 2021 e ata o 31 de decembro do mesmo ano. 

A Biblioteca Universitaria será a encargada de xestionar as solicitudes e ofrecerá soporte e asesoramento. Estarán dispoñibles guías que recollen as características do acordo, o procedemento a seguir e os requirimentos para beneficiarse destas axudas. Ademais, habilitouse un correo-e para resolver consultas: accesoaberto.biblioteca@uvigo.es