DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Agadic promoveu, xunto coa Vicerreitoría, un coloquio co seu produtor no marco do Culturgal

Unha clase sobre produción debullando as contas de ‘O que arde’

A feira das industrias culturais acolle tamén esta tarde o ‘Micro Puntazo Exprés’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/11/2019

A pesares de ser “un proxecto tan galego, que revela tanto a identidade galega”, máis do 50% dos fondos que fixeron posible O que arde, a premiada película de Oliver Laxe, procederon de fóra da comunidade autónoma. Así o explicou o produtor do filme, Xavi Font, no coloquio que este venres promoveu, no marco do Culturgal, a Axencia Galega das Industrias Cuturais da Xunta de Galicia (Agadic), coa colaboración da Vicerreitoría do campus. Nun encontro no que participaron docentes e estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación, Font debullou o plan financeiro do terceiro filme deste cineasta e ex-alumno desta facultade do campus pontevedrés, co propósito tamén de incidir en como o guión do filme foise “transformando conforme ía chegando máis financiamento”.

A actividade, inserida na programación da feira das industrias culturais, foi presentada polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que puxo de relevo a liña de colaboración coa axencia da Xunta, “e a súa sensibilidade respecto do o campus de Pontevedra, o campus da creatividade”. Soto subliñou que esta colaboración contribúe “a que os alumnos do campus teñan como referentes aos mellores, a aqueles que poden darlles unha visión diferente proxectos desta envergadura”. Incidindo tamén nesa “liña de colaboración”, Sutil destacou a vontade de Agadic de “por en relación aos profesionais do audiovisual cos que estades chamados a ser no futuro integrantes deste sector”. Con ese obxectivo, este coloquio co produtor dun filme que superou xa os 65.000 espectadores no conxunto de España e que este mesmo venres era recoñecido con cinco nomeamentos nos Premios Feroz, tiña como obxectivo “falar do que hai detrás dunha produción que agora mesmo é punta de lanza do audiovisual galego”. No en van, lembrou Sutil, “a parte artística dun proxecto audiovisual depende nunha porcentaxe moi alta da capacidade económica que se teña”

Unha coprodución nacida en Galicia

Compositor de bandas sonoras recoñecidas con premios Mestre Mateo ou con nomeamentos aos Goya, Font viviu con O que arde a súa primeira experiencia como produtor dunha longametraxe. Laxe, ao que, contou, coñeceu en 2015 “nun obradoiro de haikus”, non buscaba para O que arde “produtores cunha grande experiencia”, sinalou Font, que, xunto ao cineasta e a Andrea Vázquez, da empresa Miramemira, constituía o “núcleo duro” que puxo en marcha este proxecto. Un proxecto, que, lembrou, “afrontamos con lealdade cara o seu estilo de filmar, intentando respectar por riba dos automatismos da produción a súa linguaxe como autor”. No coloquio, Font foi debullando o plan de financiamento e as diferentes achegas públicas e privadas que progresivamente ía acadando un proxecto que arrincou coas axudas outorgadas pola Agadic e a TVG. Despois da estrea de Mimosas, o segundo filme de Laxe, premiado en Cannes ao igual que O que arde, a película logrou xunto coa produtora 4a4, financiamento de dous programas do goberno francés, así como “200.000 euros dun fondo de Luxemburgo”. O feito de converterse nunha coprodución entre varios países fixo posible á súa vez, lembrou Font, poder optar “a unha das axudas máis cobizadas do sector”, as da convocatoria Euroimages, do Consello de Europa, que tamén acadaría esta produción.

Poñendo en valor o emprendemento creativo

Na tarde deste venres, o campus de Pontevedra tamén estará representado no Culturgal polo Micro Puntazo Exprés, unha actividade impulsada pola Concellaría de Promoción Económica xunto co Pont-Up Store, o evento de promoción do emprendemento, no marco do Campus Crea, a Universidade promove cada ano en Pontevedra. Dirixido a pór en valor novos emprendementos creativos, para esta iniciativa foron seleccionados cinco proxectos empresariais do ámbito cultural e creativo, cuxos responsables presentarán diante de representantes de empresas e entidades galegas da economía creativa xa consolidadas. Concretamente, no acto que se desenvolverá entre as 18.00 e as 19.30 horas, e ao que asistirán o vicerreitor do campus e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, presentaranse as iniciativas empresariais Aula Steam, Gaia dos nenos, Estudo Bonobó, Árbore Sociedade Coperativa Galega e Magia en la Manga. Os e as súas responsables terán cinco minutos para dar a coñecer os seus proxectos diante da presidenta da Unión de Cooperativa Espazocoop, Ana Olveira, a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, e o co-director do Festival Sinsal, Julio Gómez.