DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Santiago Tarrío mantivo un coloquio co alumnado de CC da Actividade Física e do Deporte

Unha clase de psicoloxía deportiva co “mellor golfista galego da historia”

Trátase do primeiro que compite no Challenge Tour

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/12/2019

Incidir na importancia dos factores psicolóxicos na preparación dun deportista a través dun caso real, o de Santiago Tarrío, o primeiro golfista en galego en competir no Challenge Tour, a segunda categoría internacional máis importante nesta disciplina deportiva. Ese foi o obxectivo da actividade que o profesor Joaquín Dosil levou a cabo co alumnado do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e que achegou ao campus a este deportista profesional, “o mellor golfista galego da historia”, como salientou Dosil, así como á súa caddie, Noelia García. “No golf,a psicoloxía é algo fundamental, porque no campo estamos totalmente sós”, salientou Tarrío nun coloquio no que fixo tamén un percorrido pola súa traxectoria como golfista.

Inserido nas actividades da materia Psicoloxía do adestramento deportivo, o coloquio que este martes tivo lugar na Escola de Enxeñaría Forestal buscou en primeiro termo coñecer a traxectoria de Tarrío e García e como foi o seu salto ao golf profesional. “Empecei a xogar con oito anos, meu pai era profesor de golf e non me quedou máis remedio”, relatou Tarrío, que recoñeceu que se ben, antes de probalo, “pensaba que era un deporte para xente maior”, desde entón mantívose vinculado a este deporte, coa excepción “dun pequeno parón de tres anos”. Hai dúas tempadas, lembrou Dosil, Tarrío convertíase no primeiro galego “en gañar a orde de mérito do Alps Tour, un torneo satélite da European Tour, que é a máxima categoría neste deporte”. Ser o mellor nesta categoría, na que competía con preto de 250 golfistas de diferentes países, permitiulle converterse tamén no primeiro galego en competir na segunda máxima competición, a Challenge Tour. “A verdade é que o nivel era moi alto, atopábaste con gañadores de catro ou cinco torneos do European Tour, que estaban pelexando por ascender”, sinala Tarrío que, tras conseguir manterse a pasada tempada nesta competición, afrontará en 2020 o reto de tentar optar ao ascenso á máxima competición continental. “O obxectivo do ano pasado era manternos e, aínda que non foi fácil, lográmolo sen sufrir, digamos, polo este ano se van as cousas mellor temos que estar pelexando por ascender”, salientou este deportista.

A importancia da preparación mental

“O golf é un deporte moi complexo, moito máis do que parece desde fóra, inflúen moitos factores, pero a parte mental é tan ou máis importante que a técnica ou a física”, salientou Tarrío neste coloquio, no que, ademais de falar da súa traxectoria, buscou tamén pór de relevo a importancia dos factores psicolóxicos, incidindo nese senso labor que desde hai tres anos realiza con Dosil, psicólogo deportivo, como asesor. “No campo de golf estamos totalmente sós, sen ninguén en que apoiarnos se estamos mal”, lembrou Tarrío, que incidiu en que este é un deporte no que “temos que facer fonte a moitos días malos”, que, lembrou, é necesario solucionar “o mellor posible, para non quedarnos sen opcións, para intentar manternos vivos e pelexar polos torneos”.