DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sesión celebrouse cunha sede en cada campus, ademais de poder seguirse telematicamente

O Claustro aproba o inicio dos trámites para a creación das facultades de Dirección e Xestión Pública, Deseño e Relacións Internacionais

O reitor anunciou a chegada de máis financiamento adicional para facer fronte aos gastos da pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 16/10/2020

Este venres, nun formato dual, con asistencia tanto virtual como presencial, e con tres sedes en paralelo celebrouse o primeiro Claustro Universitario despois de que a pandemia interrompese o discorrer habitual da vida académica no mes de marzo. Para poder levar a cabo esta cita en condicións de seguridade sanitaria, os membros puideron participar na xuntanza dende cadanseu campus, con tres salas habilitadas para debater, intervir e votar a distancia. Entre as principais decisións adoptadas, o Claustro aprobou instar ao Consello de Goberno a iniciar os expedientes de creación de tres novas facultades: Dirección e Xestión Pública e Deseño, en Pontevedra e Relacións Internacionais, en Ourense.

Nesta sesión tamén se aprobou a creación da Escola Aberta de Formación Permanente, que dará acubillo a todos os estudos propios da UVigo. Asemade, presentouse o borrador do Plan Estratéxico 2021-2026 e o informe de Transparencia 2019 e o reitor informou de que tras a xuntanza mantida onte xoves coas consellerías de Facenda e Educación, a UVigo contará con máis financiamento adicional para facer fronte aos gastos da pandemia.

Inicio dos trámites para a creación de tres novas facultades 

Uns dos principais puntos da orde do día da sesión referiuse ao inicio dos trámites para a creación de tres novas facultades. O Claustro aprobou instar ao Consello de Goberno ao inicio dos expedientes para poñer en marcha estes novos centros. No que respecta á Facultade de Dirección e Xestión Pública, como explicou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, a proposta parte dos membros da Comisión Académica do Grao en Dirección e Xestión Pública e da Comisión Académica do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, coincidindo coas dúas décadas de estudos relacionados coa administración pública na UVigo. Tras solucionar os problemas de matrícula que existían co grao, apostando por unha modalidade totalmente virtual, que se estreou este curso, persiste un problema de “visibilidade”, motivo polo que apostan coa creación dunha facultade propia. “Compartimos a idea, xa que o grao e máster teñen un encaixe relativo na actual facultade, tanto no que se refire aos contidos como, ámbito xeográfico do alumnado”, explicaba Manuel Ramos. O novo centro seguirá compartindo edificio coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Ben diferente son os casos das novas facultades de Deseño e Relacións Internacionais, que xorden pola próxima posta en marcha de novas titulacións. A nova facultade pontevedresa terá a súa sede na antiga sede da Xunta en Benito Corbal, “na que se están rematando as obras e onde a UVigo conta con tres plantas das oito do edificio”. Dúas delas serán para impartir o novo Grao de Deseño e o Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda. No que se refire á Facultade de Relacións Internacionais, que tamén dará resposta ás necesidades dunha nova titulación, prevese que arranque a docencia o vindeiro curso e barállase como sede inicial o Edificio Xurídico-Empresarial, mentres tamén se negocian “outras localizacións alternativas na cidade de Ourense”. O vicerreitor tamén apuntou que se traballa coa vista posta para que no futuro, a oferta académica dese centro se poida ampliar con PCEO (Programacións Conxuntas de Ensinanzas Oficiais) e mestrados.

Creación da Escola Aberta de Formación Permanente

Nesta sesión, o Claustro aprobou a creación da Escola Aberta de Formación Permanente, un novo organismo a través do cal se xestionará toda a oferta de estudos propios da Universidade de Vigo, é dicir, aqueles que non sexan ensinanzas oficiais reguladas. Trátase de atallar un “déficit importante na atención deste tipo de formación” e dotar á institución dunha estrutura organizativa que reverta “a situación actual de dispersión organizativa, normativa, decisoria e de xestión das diferentes actividades formativas non oficiais da nosa Universidade, o que permitirá materializar o obxectivo estratéxico de apertura a toda a sociedade mediante unha oferta de títulos propios coordinada, de calidade e adaptada á demanda”.

Deste xeito, a través da EAFP planificarase unha oferta de ensinanzas propias vinculadas ás necesidades e demandas da sociedade, complementando os estudos oficiais, deseñando  programas educativos que favorezan a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas traballadoras, xerando convenios de formación con empresas ou institucións externas e detectando e atendendo as necesidades formativas do  PDI da Universidade de Vigo. Tamén pasarán a entrar nesta estrutura os programas de actualización docente, que se viñan desenvolvendo a través da Área de Formación e Innovación Educativa e o Programa Universitario de Maiores. 

María José Moure, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación será a encargada de dirixir a EAFP, que terá a súa sede no edificio Ernestina Otero. A planificación presentada polo vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado prevé que a oferta inicial de cursos esté lista en setembro de 2021.

As cuestións relativas á pandemia protagonizan o informe do reitor

As cuestións relativas á pandemia protagonizaron, dez meses despois do seu último informe anual, a intervención do reitor, unha comparecencia na que ademais de aproveitar para agradecer o esforzo ímprobo de alumnado, PDI e PAS, “que traballaron arreo para sacar o curso adiante”, sacou tamén peito dalgún dos principais logros acadados ao longo destes meses. Falou da posta en marcha do Campus Remoto, o xemelgo dixital da UVigo; das diferentes medidas que se puxeron en marcha para evitar que ninguén quedase atrás por cuestións técnicas (equipos, mini-moodles...) ou económicas (novas bolsas); da creación de novas ferramentas para este curso (plataforma Moovi, Campus Integra); das distintas solucións adoptadas nos diferentes centros, e tamén do acondicionamento de novos espazos docentes, lugares que antes se empregaban como salas de estudo, de xuntanzas, etc e que agora pasaron a empregarse como aulas.

Todas estas medidas supuxeron, tal e como recalcou o reitor, un esforzo económico “extraordinario e urxente” ao que houbo que facer fronte tanto con financiamento da propia Universidade de Vigo como do executivo autonómico e central, o que permitiu “aliviar a situación”. Neste senso Reigosa lembrou os tres millóns de euros achegados pola Xunta para as tres universidades galegas, dos que a Vigo lle corresponderon 966.000 euros, e aos que hai que sumar 2.987.774 euros que chegaron de xeito directo desde o ministerio. Neste sentido o reitor tamén informou aos claustrais que onte xoves os reitores galegos mantiveron unha xuntanza cos conselleiros de Facenda e Educación e, froito desta xuntanza, se conseguiron novos fondos adicionais que ascenden a 1,9 millóns de euros para as tres universidades, dos que arredor de 600.000 corresponderán á Universidade de Vigo, fondos que, “probablemente, non se recibirán ata o vindeiro ano”.

Boa parte de todo este diñeiro dedicouse e seguirase a dedicar, segundo o reitor, ao axeitado equipamento das aulas. Neste sentido Reigosa anunciou a chegada a vindeira semanas de 500 ordenadores portátiles con pantalla táctil  e 500 tabletas que serán empregadas polos docentes que imparten docencia no primeiro cuadrimestre nas aulas Integra. “Ademais, grazas á chegada deses fondos extra procederase tamén a xestionar xa a compra de novos equipamentos para o segundo cuadrimestre”, informou Reigosa.

A maiores destas cuestións, pero tamén relacionado co tema sanitario, o reitor felicitou á comunidade investigadora polo “grande éxito” acadado no denominado Fondo Supera Covid. A maiores, deu conta tamén das 2800 probas PCR realizadas a todos os traballadores da institución, “afortunadamente con resultado negativo”, e dos test aleatorios que se van realizar ao longo de todo o curso ao alumnado e que arrancaron esta mesma semana coa realización de 400 probas “sobre todo a aquelas alumnas e alumnos que teñen que facer o practicum”.

Traballando na posta en marcha de novas titulacións

Con respecto á actualización das titulacións que se imparten na UVigo o reitor destacou como “especialmente positivo” o acordo alcanzado entre as universidades da Coruña e Vigo para a implantación no curso 21-22 do Máster de Enxeñaría Aeronáutica. “Afortunadamente chegamos a un moi bo acordo, xa que o primeiro curso do mestrado vaise impartir integramente no campus de Ourense”, apuntou o reitor, ao que engadiu que no segundo ano do mestrado o alumno terá que elixir especialidade e, caso de elixir a que se vai impartir na UDC, o estudante terá que solicitar o traslado de expediente. 

Reigosa informou tamén que a titulación de Relacións Internacionais -primeiro grao de carácter interuniversitario- que se impartirá entre Ourense e Ferrol segue o seu curso e que desde a Escola de Enxeñería Industrial, en Vigo, se traballa xa no novo Grao en Enxeñería de Automoción, se ben admitiu que a pandemia ralentizou as xuntanzas que se estaban a manter cos diferentes axentes sociais para a súa posta en marcha. Máis preocupado se amosou Reigosa coa tramitación do Grao de Filoloxía Aplicada Galego-Español, titulación chamada a substituír o Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, e o Mestrado de Dereito de Empresa. “Nós entendemos que ambas titulacións son irrenunciables e tentaremos que as dúas sexan aprobadas o antes posible”, explicou Reigosa, quen agradeceu o gran traballo realizado desde a Facultade de Filoloxía e Tradución para facer un grao “o máis atractivo posible”.

Ao marxe das cuestións académicas, o reitor tamén salientou no seu informe a situación actual do edificio do Berbés no que, pese a producirse certos retrasos, xa está practicamente listo para inaugurar, á falta do mobiliario e da resolución dunha denuncia que foi presentada polos veciños e na que xa se traballa en colaboración coa arquitecta por se houbese que corrixir algunha cousa. Tamén se anunciou que de cara a finais de ano está previsto volver sacar a concurso os servizos de copistería e se está tamén vendo como se poden reformular os servizos de comedor e cafetaría, moi afectados pola pandemia.

Logros e temas pendentes do segundo ano de goberno

Ao igual ca en 2019, o Claustro foi o lugar elixido polo reitor para facer balance dos logros acadados polo equipo de goberno ao longo do seu segundo ano de mandato.  Neste sentido eloxiou a recuperación deste órgano como lugar de debate, os avances acadados na negociación coa representación dos traballadores, a senda de recuperación dos cadros teóricos de profesorado, o establecemento do límite máximo de docencia en 280 horas anuais ou o baleirado progresivo das bolsas de acreditados. Como cuestións que precisan aínda un pouco máis de tempo para acadarse destacou a axilización dos trámites de xestión, a negociación xeral da Relación de Postos de Traballo e a instalación da planta piloto de ciencia e tecnoloxía de alimentos en Ourense, sobre a que agarda, “dar resultados máis positivos no meu terceiro informe”. En canto ás materias pendentes, o reitor salientou que se segue a traballar no pagamento das pagas íntegras ao PDI, indicando que, “este ano chegamos á metade do que correspondería e esperamos o ano que vén chegar ao 75% e ao seguinte ao 100%”, recalcou Reigosa, quen tamén mencionou que se segue a traballar na recuperación da posibilidade de usar FEUGA.

Pola súa banda o voceiro da oposición, o profesor Emilio Fernández, coincidiu co reitor en que a Universidade deu unha resposta “máis que digna” ante unha situación de emerxencia tremendamente complexa. Neste sentido, agradeceu aos diferentes equipos directivos, incluído o propio equipo de goberno, todo o esforzo realizado. Na súa intervención, Fernández destacou como un dos aspectos máis positivos da resposta dada dende a UVigo a posta en marcha de maneira moi rápida do Campus Remoto, “algo que é tamén froito da aposta que fixo esta Universidade desde hai décadas por todas as cuestións relacionadas coa dixitalización” e ao que tamén contribuíu, ao seu xuízo, o Campus de Excelencia. Admitindo que agardaba “un pouco máis de análise crítico” por parte do reitor, ao que advertiu do perigo de caer “na autocomplacencia” o portavoz de Ideas que Suman acusou ao actual equipo de goberno de falla de visión estratéxica, así como de realizar un uso partidista da institución. 

Proxecto do Plan Estratéxico

Outro dos puntos da orde do día do Claustro foi a presentación do informe sobre o estado actual do proxecto de Plan Estratéxico da Universidade de Vigo 2021-2026, que substituirá ao anterior, aprobado en 2008 durante o mandato de Alberto Gago. Segundo explicou Jacobo Porteiro, secretario da Comité de Dirección encargado da elaboración deste documento, este “elaborouse a partir dunha diagnose DAFO (Debilidades-Ameazas-Fortalezas-Oportunidades) tanto interna como externa e artéllase arredor de cinco eixos estratéxicos (a formación; a relación coa sociedade; a organización e os recursos; a investigación e a transferencia e as persoas), tres valores (internacionalización, defensa da igualdade e fomento da lingua galega) e os obxectivos de desenvolvemento sostibilidade e Axenda 2030.

Na elaboración do borrador do Plan Estratéxico participaron 65 membros da comunidade universitaria, tanto PDI e PAS e como estudantado, divididos en tres comisións, que contaron coas achegas de representantes da cidadanía e o tecido empresarial. O documento, que comprende 27 obxectivos, queda a exposición pública durante o prazo dun mes para recibir as achegas da comunidade universitaria.

O Portal de Transparencia supera os 70.000 accesos anuais

A a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación foi a encargada de presentar o informe de Transparencia correspondente ao ano 2019 no que a cuestión máis destacable foi o alto grao de cumprimento das obrigas de publicidade activa, incluíndo a publicación das viaxes institucionais que se atopaba pendente no anterior informe. En relación coa información máis consultada no Portal de Transparencia da Universidade de Vigo, produciuse un aumento dun 2,24 % das visitas reais, con respecto ao 2018, acadando un total de 70.470 accesos. UVigo en cifras segue a ser o apartado do portal que maior número de visitas recibe, acadando o 57,60 % das mesmas. Por outra banda, con respecto á posición da Universidade de Vigo nos ránkings, Doval destacou que a UVigo volve a estar entre as universidades máis transparentes, ocupando a sexta posición na clasificación publicada pola Fundación Compromiso e Transparencia e a terceira na publicada pola plataforma Dyntra. “Cumprimos máis do 91% dos ítems de transparencia e, ademais de ser a sexta institución pública en España entre 700, somos a primeira de Galicia”. 

Remuda á fronte do Consello de Estudantes e outros temas

Nesta sesión, o Claustro tamén deu o visto bo ao regulamento da Valedoría Universitaria, cargo que ostenta a catedrática Esther Pillado dende hai xusto un ano, tras ser elixida por este mesmo órgano para suceder a Argimiro Rojo.  

Por outra banda, aprobouse o nomeamento de Paula Gil Hidalgo como nova presidenta do Consello de Estudantes, quen agradeceu o esforzo do seu antecesor, Daniel Couto, e a “confianza” que agora deposita nela o Claustro e comprometeuse a traballar arreo “en tempos complicados para que todo vaia o mellor posible”.

Tamén se aprobou a adhesión da UVigo ao documento de apoio ás Universidades públicas galegas, así como a incorporación ao Claustro das persoas que ocupan os decanatos e direccións de centros, unha medida que xa se recolle nos novos Estatutos da Universidade, de xeito que se lles dará entrada para a próxima sesión, prevista para decembro.

A xuntanza completouse coa aprobación da creación da comisión de traballo para a elaboración do Regulamento de Inspección da Universidade, así como modificacións puntuais do Regulamento Electoral e a elección de varios representantes do sector estudantado para diferentes órganos.