DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría promove no Teatro Principal catro novas proxeccións do ciclo ‘Docs del Mes’

Co novo curso, retorna o cinema documental a Pontevedra

O vindeiro luns, ás 20.30 horas, exhibirase ‘Honeyland’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/09/2020

Da man da Vicerreitoría do campus e coa colaboración do Concello, Pontevedra é desde 2018 unha das máis de 70 cidades integradas na programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental coordinado pola compañía Parallel 40, que achega cada ano ao Teatro Principal a proxección de dez documentais recentemente estreados e en moitos casos recoñecidos con diferentes premios. A crise sanitaria xerada pola covid-19 obrigou a suspender o pasado mes de marzo varias das sesións previstas para o primeiro semestre, retomándose a programación a finais de xuño cunha das proxeccións adiadas. Tralo verán, son catro as citas previstas para o que resta de ano no marco dun ciclo que o vindeiro luns 21 presenta na cidade Honeyland, unha película macedonia que foi precandidata ao Oscar á mellor película estranxeira.

O 19 outubro poderá verse Marwa. Pequeña y valiente, o 16 de novembro exhibirase Robots. Las historias de amor del futuro, e a programación para 2020 pecharase o 21 de decembro con Overseas. En todos os casos, explica o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, as proxeccións, en versión orixinal con subtítulos en castelán, terán lugar ás 20.30 horas e contarán con entrada gratuíta ata completar un aforo reducido de acordo coas normas ás que obriga a crise da covid-19. Ademais, as e os espectadores “deberán tamén cubrir unha fixa onde só terán que deixar o seu contacto, para poder localizalos se houbese calquera problema”, explica. Deste xeito, retómase unha actividade cultural, “xa consolidada”, como sinala Morquecho, que incide en que, segundo os datos reunidos pola compañía organizadora, “dentro da rede, Pontevedra é a terceira sala con máis público” no conxunto do estado. 

Da apicultura nos Balcáns aos campos de refuxiados

A programación retomarase o vindeiro luns con Honeyland, de Ljubomir Stefanov e Tamara Kotevska, un filme que narra a historia de Hatidze Muratova, que se dedica a criar colonias de abellas nunha remota rexión montañosa dos Balcáns e os cambios que para a súa forma de vida supuxo a chegada á zona dunha familia nómade. Ao mes seguinte, o luns 19, poderá verse Marwa. Pequeña y valiente, un documental da directora e produtora xordana de orixe palestina Dina Naser, que retrata a vida cotiá de Marwa, unha nena que vive nun campo de refuxiados de Xordania desde que fuxiu coa súa familia de Siria. 

O 16 de novembro poderá verse Robots. Las historias de amor del futuro, un filme no que a documentalista alemá Isa Willinger reflexiona, a través de casos reais, sobre como a intelixencia artificial e a entrada de robots nos fogares afectará ás vidas das persoas. Por último, o 21 de decembro poderá verse o premiado documental Overseas, centrado na historia das mulleres filipinas que se ven obrigadas a marchar ao estranxeiro a traballar como aias e traballadoras do fogar, no que a cineasta coreana Sung-A Yoon combina o humor negro e a denuncia social.