DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun curso organizado desde a Escola Aberta de Formación Permanente

O 'coaching' educativo ábrese paso no ámbito universitario

O prazo de inscrición estará aberto ata o 12 de novembro

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
María Álvarez DUVI 15/10/2021

Nos últimos anos o interese dentro do ámbito educativo polo desenvolvemento persoal e profesional do alumnado foi en aumento. Conscientes desta realidade, a Escola Aberta de Formación Permanente acaba de lanzar o curso Iniciación ao coaching educativo na universidade, no que o Persoal Docente e Investigador (PDI) terá a oportunidade, tal e como se indica no programa, de “reelaborar os seus propios esquemas de actuación” mentres se forma en técnicas e ferramentas de uso habitual no coaching. O obxectivo principal é que os docentes interesados se inicien nestas competencias para “dinamizar tanto a aprendizaxe como a investigación”. Así, o PDI tamén terá a oportunidade de entender “como o coaching contribúe á mellora da contorna na educación universitaria”.

Esta actividade insírese dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado da Universidade de Vigo e impartirase en modalidade síncrona virtual os días 17, 18, 24 e 25 de novembro das 17 ás 19 horas. Para impartir o curso contarase coa presenza de dous profesionais con ampla experiencia como directores e formadores en diferentes cursos relacionados coa aplicación do coaching ao ámbito educativo: Roberto Baelo, doutor en Psicoloxía e en Ciencias da Educación, e Ángela Arias, cun mestrado en Coaching, Intelixencia Emocional e Programación Neurolingüística Educativa.

Os beneficios do coaching nas aulas

No curso abordaranse múltiples materias como, por exemplo, a noción de coaching e as súas aplicacións, de xeito que os docentes poidan aprender a “potenciar a aprendizaxe do seu alumnado” a través das vantaxes do concepto e interiorizar, deste modo, as habilidades que ha de ter o profesorado como coach. Neste senso, tamén se traballará coa metodoloxía empregada no coaching e cos diferentes modelos de aplicación do mesmo á titorización universitaria.

Dende a  Escola Aberta de Formación Permanente salientan que a principal finalidade do curso é que as persoas que asistan se poñan ao día na adquisición dos recursos necesarios para “potenciar as habilidades de comunicación” e contribuír, deste xeito, “á dinamización da aprendizaxe e da investigación”. Para isto o PDI terá á súa disposición os recursos necesarios para “potenciar as habilidades de comunicación” e contribuír, deste xeito, “á dinamización da aprendizaxe e da investigación”.

Para a realización desta actividade terá preferencia o profesorado que estea no Plan de Organización Docente (POD) deste ano académico, se ben, de quedaren prazas dispoñibles entre as 30 ofertadas, poderán inscribirse outros perfís da Universidade de Vigo, baixo o criterio da Área de Formación e Innovación Educativa. As persoas interesadas en inscribirse teñen de prazo para matricularse ata o vindeiro 12 de novembro e deben facelo a través da plataforma bubela.