DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A campaña 'Vai de peixe' chegou este venres ao campus

Cociñar produtos do mar tamén é cousa de ‘millennials’

O alumnado puido aprender a preparar receitas sinxelas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 29/11/2019

O tráiler da campaña Vai de peixe fixo este venres unha parada no campus de Ourense no seu percorrido de promoción dos produtos do mar entre a xente entre 18 e 35 anos, os coñecidos como ‘millennials’. Nel, alumnado do campus puido pórse mans a obra nos fogóns e cociñar, seguindo as indicacións da cociñeira Mayte Fernández, varios pratos sinxelos nos que o peixe ou o marisco foron os protagonistas.

O obxectivo da iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellaría do Mar,  é achegar ao público máis novo os beneficios do consumo de peixe, necesario para nunha alimentación equilibrada e saudable, e explicarlle receitas sinxelas que se poden facer sen coñecementos previos de cociña. Na súa sesión no campus de Ourense, o tráiler estivo situado ao carón do edificio do Campus da Auga, sendo visitado por Marisol Díaz, delegada territorial da Xunta en Ourense, e Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense.

Segundo os últimos informes dispoñibles, explícase na campaña, aínda que España está entre os maiores consumidores de produtos do mar do mundo, con Galicia como líder na clasificación de consumo, "só a metade dos galegos consumen peixe dúas ou tres veces por semana e, na franxa de 18 a 20 anos, o 40% só consume peixe unha vez por semana", cando a recomendación para unha alimentación sa e equilibrada é inxerir peixe de tres a catro veces por semana. “O máis importante é que a xente nova lle perda o medo a preparar peixe. Faise moi rápido, sae máis barato que comprar todos os días comida prefabricada e é saudable”, explicou Mayte Fernández mentres guiaba ao alumnado na preparación de pratos como mexillóns con grelos, raia con castañas e algas e pescada.