DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está situada na entrada do salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico

A Colección de Minerais e Rochas de José Nespereira Iglesias xa ocupa un lugar destacado na Facultade de Ciencias

Foi doada anos atrás pola familia do que foi xeólogo e profesor do antigo Colexio Universitario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 11/06/2021

Xa hai varios anos, a familia do que foi xeólogo e profesor do antigo Colexio Universitario de Ourense José Nespereira Iglesias doou á Facultade de Ciencias do campus de Ourense a súa colección de minerais e rochas. Despois de estar de xeito provisional no soto do edificio Politécnico, a colección foi inaugurada este venres no seu novo emprazamento, accesible ao público, e cunhas novas características expositivas que o converten nun “pequeno museo de xeoloxía" único na provincia de Ourense, tal e como se destacou na súa presentación.  

José Nespereira Iglesias (1945-1982) foi, lembrouse na inauguración, un ilustre xeólogo ourensán. Ligado inicialmente a Madrid na súa etapa formativa e académica, onde chegou a ser decente na Universidad Complutense, de volta en Galicia foi profesor do IES Pintor Colmeiro de Silleda, nos colexios universitarios de Lugo e Ourense e na Escola Universitaria de Formación do Profesorado ourensá. Foi ademais unha persoa cun destacado interese humanístico implicada en colectivos como a sección ourensá da Sociedade Galega de Historia Natural e o Grupo Marcelo Macías. Froito do seu interese pola mineraloxía desde moi novo e do seu traballo como xeólogo en compañías mineiras, foi atesourando a colección de minerais e rochas que se expón na Facultade de Ciencias.

A Colección de Minerais e Rochas de José Nespereira Iglesias foi doada á Facultade de Ciencias pola súa viúva e tamén profesora deste centro xa xubilada María Victoria Jato, que destacou como a súa inauguración é motivo dunha “unha satisfacción enorme”. “O meu marido foi un home excepcional, que deixou un recordo creo que imborrable”, afirmou. De José Nespereira recalcou como era “un apaixonado da ensinanza, encantáballe transmitir o que el coñecía, tiña unha gran dedicación aos seus alumnos ” e como “facía moi fácil o difícil, desde o punto de vista didáctico; para todas as cousas que parecían complicadas, el sempre tiña o mellor exemplo e a mellor explicación para entendelo”. A esta paixón polo ensino engádeselle, indicou María Victoria Jato, “a súa grande afección pola mineraloxía desde a súa época de estudante e que logo profundou durante o seu traballo nas compañías mineiras”. Pola confluencia destas dúas paixóns, a que foi profesora da UVigo salientou o acaído de que a súa colección estea na Facultade de Ciencias e accesible ao alumnado universitario. “A colección supón un material valioso desde o punto de vista didáctico e a verdade era unha pena non poder difundilo e ensinalo”, afirmou. Neste senso recalcou como “sempre é un atractivo para o alumnado ver este tipo de materiais, que poden espertar o seu interese polos minerais, aínda que sexa só por admiración á natureza, pola beleza estética, xa que os cristais son formados na natureza e adquiren unhas formas belísimas en numerosas ocasións, como se pode ver na colección”.

Son arredor de 450 minerais e rochas os que reúne a colección, maioritariamente de Galicia, aínda que con algún exemplar tamén doutras zonas da península. Os materiais foron coleccionados no marco da afección e do traballo de José Nespereira en compañías mineiras, sendo algunhas das pezas recollidas cos que foron os seus xefes nestas empresas Hans Zantop e John Barry. Trátase dunha “colección bastante numerosa” na que de varios minerais hai diferentes exemplares interesantes pola súas formas ou cores. Entre os máis chamativos, porque a cristalografía ou cor que presentan non é frecuente por exemplo, hai  exemplares de micas, turmalinas ou piritas. Ademais tamén se inclúen algunhas rochas con pequenos fósiles de tipo vexetal.

Unha fonda pegada

Na inauguración da colección, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, subliñou que “é un orgullo estar aquí hoxe e honrar a memoria de José Nespereira Iglesias, que deixou unha fonda pegada nesta institución”. Así, destacou do homenaxeado que foi “unha persoa moi importante na ciencia galega, nesta facultade e na nosa universidade, porque os seus traballos son traballos que aínda se seguen a usar. Ademais do seu legado intelectual e como persoa, como home de ben, tamén nos deixou este legado, que é moi bo para a facultade”. Pola súa banda, Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias, quixo “agradecer de xeito moi especial a Victoria Jato e á súa familia a cesión á Facultade e á Universidade desta colección”. Dela destacou, alén do seu interese para o público xeral, o seu interese para o centro, xa que desde o punto de vista didáctico permite ao alumnado desta facultade “ver de primeira man moitos minerais e rochas, algo que enriquece a súa formación”. Co novo emprazamento da colección e coas súas novas características expositivas, como paneis informativos, o decano amosou o seu desexo de visibilizar e valorizar máis os fondos deste “pequeno museo relacionado coa xeoloxía”.  

Pedro Araújo, primo do homenaxeado e tamén xeólogo e profesor da Facultade de Ciencias, subliñou igualmente antes da súa inauguración o valor desta colección, principalmente desde o punto de vista didáctico. Sobre ela destacou como a José Nespereira “atraíanlle moito os minerais e coleccionábaos. En base a esas coleccións que trataba de facer quedou todo este material, unha colección formada por un conxunto de minerais e rochas que el foi recollendo no seu traballo coas diferentes empresas mineiras nas que estivo”. Froito deste traballo, indicou, naceu unha colección da que, dixo, “aquí en Ourense desde logo non hai ningunha similar” e moi poucas en Galicia.

Por último, na súa intervención María Victoria Jato fixo de xeito especial un recordatorio da xente que na vida persoal e profesional de José Nespereira, "Nes", deixaron pegada nel, como os seus proxenitores, o mestre represariado Albino Núñez, “polo que sempre tivo unha grande admiración”, o catedrático de Xeoloxía Sánchez de la Torre, “que espertou nel o amor pola xeoloxía”, os seus xefes nas compañías mineiras Hans Zantop e John Barry e membros do Grupo Marcelo Macías e da Sociedade Galega de Historia Natural, como Xaquín Lorenzo Xocas, Vicente Rodríguez Gracia, Paco Fariña ou Xosé Carlos Sierra, “persoas que foron importantes para el nos últimos anos da súa vida para sentirse máis ligado á súa terra”, entre outros nomes.