DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A egresada Susana Fall presentará as súas creacións na Madrid Fashion Week

Unha colección nacida en Esdemga e inspirada no Senegal desfilará no Ego

A titulada Miriam Cartagena participará no ‘showroom’ da pasarela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/01/2020

Un ano máis, unha colección nacida inicialmente como proxecto de fin de estudos nas aulas de Esdemga desfilará no Ego da Madrid Fashion Week. A egresada da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes Susana Fall é unha das sete deseñadoras seleccionadas para participar no Samsung Ego, a plataforma para novos talentos da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. Na xornada de peche da súa 71 edición, o domingo 2 de febreiro, Fall presentará na pasarela madrileña unha versión ampliada de Etymon, unha colección inspirada no seu pai e no Senegal, que esta titulada exhibiu por primeira vez en Debut 2018. Así memo, Esdemga tamén estará representada no showroom do Ego por outra egresada, Miriam Cartagena, que xunto ao alumno de doutoramento de Belas Artes Marcos Covelo presentará neste espazo o seu proxecto UTDM.

Como unha nova “moi positiva”, pero tamén como un “reto”, salienta Fall a súa selección para participar nesta plataforma para novos deseñadores e deseñadoras, na que optará, xunto a 404 Studio, Deyi, Coconutscankill, Reveligion, Fátima Miñana e Anel Yaos ao premio Mercedes-Benz Fashion Talent, galardón co que en xaneiro do pasado ano se alzaba a egresada de Esdemga, Melania Freire, grazas a unha colección nacida tamén como proxecto de fin de estudos. “Agradezo moito que quixeran contar comigo, é algo xenial”, engade Fall, que centra o seu labor profesional nos eidos do estilismo o visual, polo que a súa participación nun evento que reúne aos principais representantes do sector da moda, apunta, “venme moi ben para seguir crecendo e formándome neste campo”.

Unha homenaxe aos emigrantes

Etymon fala sobre a vida de meu pai, pero tamén sobre a de moita xente que tivo que deixar o seu país atrás na busca dunha vida mellor para eles e as súas familias”, salienta Fall do proxecto polo que foi seleccionada para esta pasarela. Nese senso, a súa colección ten como influencia o país de nacemento de seu pai, Senegal, de onde proceden a maioría dos tecidos e complementos empregados pola deseñadora para este proxecto. Trátase, sinala, dunha colección “chea de cor, americanas, babuchas, cunchas e xerseis de punto”, pero na que tamén te´n presenza o grand boubous, un traxe típico senegalés, a serigrafía ou mesmo os balóns de fútbol, xa que este “é un deporte moi valorado e practicado” no Senegal. “Desenvolvendo o proxecto tamén puiden saber un pouco máis das miñas raíces e coñecer a unha parte da miña familia que apenas recordaba desde a primeira vez que fun a Dakar, cando tiña tres anos”, engade Fall, quen recoñece que a viaxe a África a partires da que xerminou esta colección foi neste caso “a mellor das inspiracións”. 

Trala súa estrea, en 2018, na pasarela na que as novas tituladas e titulados de Esdemga exhiben as súas coleccións de fin de estudos, Fall tivo que ampliar o seu proxecto con dez novos estilismos para a súa presentación no Ego. “Foi un proceso longo, pero gratificante, xa que é un proxecto moi persoal, ao que lle teño un especial cariño”, recoñece a egresada, que sumou á proposta orixinal novas prendas “na liña das anteriores, con algunha variación de estampados, materiais e patróns”. 

Presenza no ‘showroom’

Máis aló da pasarela, un proxecto impulsado por unha egresada de Esdemga, Miriam Cartagena, e un investigador de Belas Artes, Marcos Covelo, estará tamén presente na pasarela madrileña. Concretamente, no showroom do Ego, un espazo de venda directa onde os novos e novas creadores exhiben as súas creacións. Tras ser un dos 15 proxectos seleccionados, a Madrid Fashion Week será o espazo no que presenten Enter collection, a primeira proposta do seu proxecto UTDM Studio. “Darnos a coñecer o máximo posible” e ter “un primeiro contacto” co sector “para ver como encaixa o teu produto” constitúen, como sinala Cartagena, os obxectivos cos que acudirán a esta pasarela. Nela presentarán por primeira vez unha colección caracterizada polo uso de tecidos sustentables e por unha serie de estampados que fan as prendas “case únicas”, nos que presentan “reminiscencias dos anos 80 e 90” e dos cambios vividos nesas décadas ata a chegada “á era dixital”.