DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do CIM-UVigo partiron este mércores de Reiquiavik no Sarmiento de Gamboa

Comeza a campaña científica para analizar a circulación e a acidificación oceánica no Atlántico norte

Centraranse na Bight Fracture Zone, unha vía de comunicación principal para masas de augas profundas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 01/07/2021

Este mércores un equipo de investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo partía de Reiquiavik a bordo do Sarmiento de Gamboa para iniciar a primeira campaña oceanográfica do proxecto BOCATS2 (Observación bienal del carbono, acidificación, transporte y sedimentación en el Atlántico Norte). Este estudo comprende dous subproxectos, un centrado na caracterización da columna de auga (propiedades físicas e químicas) e outro na caracterización dos sedimentos para interpretar as propiedades e dinámica das masas de auga no pasado, no que serían as últimas decenas de miles de anos. Esta segunda parte é a que coordinan os  investigadores do CIM-UVigo Guillermo Francés, do Grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica e Gabriel Rosón, do Grupo de Oceanografía Física. Supón a continuación dun primeiro estudo realizado en 2016 (BOCATS) e ten como principal obxectivo “continuar co seguimento observacional (recente e pasado) da circulación e a acidificación oceánicas no Atlántico norte”. A información que obteñan é “esencial para avanzar na detección precisa do impacto antropoxénico e para mellorar as proxeccións dos modelos climáticos axustados que sustentan os informes do IPCC para o xiro subpolar do Atlántico norte (SPNA), rexión coñecida pola súa forte influencia no clima europeo”, como destaca Guillermo Francés.

A bordo tras seis días confinados

Esta expedición non é allea ás circunstancias especiais que marca a pandemia da covid-19. O equipo científico, formado polos investigadores da UVigo Irene Alejo, Marta Pérez Arlucea, Miguel Ángel Nombela e Guillermo Francés, a estudante de Ciencias do Mar Mª Fernanda Copete, a técnica Susa Álvarez, un investigador do ICM-CSIC de Barcelona e unha estudante da Royal Holloway University viuse obrigado a realizar unha corentena de 6 días ao chegar a Islandia antes de poder embarcar no Sarmiento de Gamboa. Por fin, este martes puideron subir ao buque oceanográfico, que partiu de Vigo o 28 de maio con outro equipo científico que desenvolveu, nestas semanas, estudos enmarcados dentro doutro subproxecto de BOCATS2. Tras un día a bordo para preparar cuestións de última hora, onte mércores o barco saíu do porto de Reiquiavik.

E é que como explica Guillermo Francés, o estudo coordinado polo CIM forma parte dun proxecto máis amplo, coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, CSIC), e financiado con 342.430 euros, dos que 124.630 corresponden ao subproxecto da Universidade de Vigo, no marco do programa Xeración de Coñecemento 2019 do Ministerio de Ciencia e Innovación. O obxectivo global é estudar a variabilidade milenaria e submilenaria das correntes profundas a través das canles que atravesan a dorsal de Reykjanes (zonas de fractura de Bight e de Charlie-Gibbs), ao suroeste de Islandia. Estas dúas zonas de fractura, sobre todo a de CGFZ, constitúen os principais roteiros de comunicación de augas profundas entre as concas occidental e oriental do Atlántico norte e a súa hidrografía é bastante descoñecida, tanto na actualidade como no pasado, cando estaban baixo outras condicións climáticas globais. BOCATS2 tamén pretende seguir coa estimación do fluxo de carbonato e carbono orgánico aos sedimentos, na liña do proxecto precedente, aspectos esenciais relacionados coa produción, a acumulación e a preservación deses compostos (ciclo de carbono, acidificación, etc.).

Rumbo á Bight Fracture Zone

O equipo a bordo do Sarmiento de Gamboa focalizará o seu traballo na Bight Fracture Zone, unha gran falla transformante que corta a dorsal de Reykjanes e que é unha das vías de comunicación principais para as masas de auga profundas entre as concas oriental e occidental do Atlántico norte”. A outra, engade, “é a Charlie-Gibbs Fracture Zone”. O plan científico para estas próximas semanas comprende dúas fases. Por unha banda, “a caracterización acústica do fondo mariño con ecosondas multifeixe e paramétrica co fin de obter unha cartografía de detalle, a estrutura interna dos primeiros metros do recheo sedimentario e a elección máis adecuada dos puntos de mostraxe”. A segunda parte do traballo consistirá na obtención de mostras de sedimentos superficiais empregando unha draga tipo box-corer”, para a continuación, realizar “o rexistro sedimentario mediante sacatestemuños de gravidade”. Ambas operacións realizaranse en catro puntos diferentes ao longo da zona de fractura, “dous ao oeste da dorsal e outros dous ao este”. 

O equipo regresará ao porto de Vigo a mediados de xullo, pero a esta campaña oceanográfica seguiralle unha segunda en 2023, coa se completará o proxecto.